O alumnado preuniversitario poderá coñecer de primeira man a USC nuns encontros virtuais do 6 ao 8 de abril
A través dunha web específica, o alumnado preuniversitario terá ao seu alcance información dos títulos de grao da USC, ademais de poder participar en obradoiros, videoconferencias, chats, concursos e retos científicos acaídos para orientar a súa aterraxe universitaria
A USC achégase ao alumnado preuniversitario cos Encontros Virtuais na Zona USC, unha iniciativa que se desenvolverá do 6 ao 8 de abril nun entorno virtual ligada á web institucional, no que dará conta da oferta de títulos de grao que se impartirán no curso 2020-21 nos centros dos campus de Lugo e de Santiago. Este encontro virtual permitirá ao tempo amosar outra información de interese relativa a instalacións, equipamentos científicos e tecnolóxicos e demais servizos que a USC pon a disposición da comunidade universitaria en particular e do conxunto da sociedade, nun senso máis amplo.
Os estudantes poderán acceder á bitácora virtual da Zona USC a través dunha ligazón de internet que os seus respectivos centros educativos remitirán aos seus enderezos de correo electrónico. Nesta web, que previsiblemente xa estará operativa a partir do sábado 4 de abril, o alumnado terá acceso a información e á programación académica dos títulos de grao da USC, así como a moi diverso material audiovisual complementario, a través do que as persoas usuarias poderán afondar de xeito didáctico no coñecemento do título ou títulos que resulten do seu interese, ademais de coñecer as posibilidades de I+D+i que abrengue cada itinerario ou opción formativa.
Os encontros virtuais na Zona USC propiamente ditos desenvolveranse do 6 ao 8 de abril e comezarán cunha intervención de benvida a cargo do reitor Antonio López que servirá de apertura desta primeira edición. Esta é unha iniciativa a través da que a institución académica sortea as limitacións de mobilidade derivadas do estado de alarma decretado por mor do coronavirus e dá continuidade ás actividades de información ao estudantado universitario que desenvolve a través do programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’, que coordina Celso Rodríguez.
Interactividade
Unha vez dentro deste espazo virtual, cada usuario terá ao seu alcance a oportunidade de participar en obradoiros, videoconferencias específicas para cada título, chats, concursos, foros con estudantes universitarios e retos científicos acaídos para orientar a súa aterraxe universitaria. O estudantado preuniversitario poderá facer uso destas prestacións a demanda, en función das quendas horarias establecidas polos docentes de cada titulación que teñen encomendada a tarefa de interactuar e dar resposta ás cuestións e consultas formuladas polos usuarios interesados .
A grella de títulos de grao ofertados pola USC para o próximo curso académico segue unha organización temática arredor das grandes áreas de coñecemento: Enxeñaría e Arquitectura, Ciencias, Arte e Humanidades, Ciencias da Saúde e Ciencias Sociais e Xurídicas.