A oposición propón medidas para axudar ao comercio local
Tanto Compostela Aberta como o BNG lanzan propostar a Bugallo para a reactivación do comercio local unha vez superada a cris do coronavirus
Compostela Aberta vén de instar ao Goberno local a poñer en marcha un plan de choque para o comercio local, que permita manter o emprego no sector e reactivar a súa actividade ao remate do estado de alarma por mor do coronavirus. O grupo municipal pide que se destine un millón de euros a este plan, que debe contemplar tanto un fondo de emerxencia como a accións de fidelización. Ademais, e a máis longo prazo, CA reclama o deseño dun plan de dinamización do comercio de Santiago.
O obxectivo, tal e como explicou a concelleira Marta Lois, é que “o Concello de Santiago poña en marcha accións que axuden á continuidade destas empresas, especialmente dos pequenos comercios, de calidade e de proximidade, que son os que constrúen vida de barrio e axudan a fixar poboación”. A vicevoceira de CA sinalou que “é preciso impulsar medidas urxentes, que partan do diálogo cos axentes económicos e sociais da cidade, e que recollan o xa avanzado no Plan estratéxico do comercio de Santiago 2017-2021”.
Compostela Aberta reclama que o Goberno destine unha partida dun millón de euros a un plan de choque que debe ser posto en marcha ao remate do estado de alarma. CA pide que a maior parte desa contía, 700.000 euros, sexa destinada a un fondo de emerxencia para manter o emprego, nos seis meses seguintes ao levantamento do estado de alarma. En concreto, apuntou Marta Lois, “propóñense axudas para o mantemento da actividade e o emprego, e ao apoio de gastos como o de alugueiro, pagamentos a provedores, impostos, cota de autónomos ou pago de créditos”. Nesa liña, CA tamén insta aos propietarios de locais que acollan pequenos comercios “a condonar ou atrasar o cobro do alugueiro deste periodo do estado de alarma, e ao Concello a buscar fórmulas de compensación”.
O plan de choque completaríase coa posta en marcha de accións de fidelización do comercio local, ás que deberían destinarse un mínimo de 300.000 euros. Trataríase de impulsar bonos-promoción “que beneficien tanto aos comerciantes locais como ás familias, que creen estratexias para manter a clientela e para estimular a compra no comercio local”.
A máis longo prazo, o grupo municipal de Compostela Aberta insta ao Goberno a deseñar un plan de dinamización do comercio, “que alongue as medidas de dicriminación positiva nos próximos anos, para favorecer ao comercio tradicional e de proximidade e para propiciar a apertura de novos establecementos deste tipo”. Ao abeiro dese plan, proponse a creación dun Observatorio do Comercio de Santiago, que, tal e como se aprobou no Pleno de xaneiro, favoreza o deseño de políticas públicas que garantan a preservación e diversidade do pequeno comercio; a aprobación dunha ordenanza reguladora para a protecicón do comercio tradicional, que recolla a posibilidade de decretar unha moratoria na abertura de tendas de recordos para turistas no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica; e a posta en marcha dun plan de actualización e formación, para aumentar a competitividade do pequeno comercio. Dentro do plan de dinamización propónse, por último, a posta en marcha de campañas de sensibilización para promover un consumo social e ambientalmente sustentable, “que aposte polo produto local e o comercio de proximidade”.
Plan de reactivación do BNG
Pola súa parte, O grupo municipal do BNG propón un plan de reactivación para o comercio local e que o Goberno local reclame da Xunta unha liña de apoio para o pagamento de alugueiros de comercios e estabelecementos obrigados a pechar por mor da crise do coronavirus.
“Entre os sectores que preocupan ao BNG está de maneira especial o comercio de proximidade, ese comercio que é o latexo de Santiago de Compostela, un dos motores do seu dinamismo económico”, explicou Goretti Sanmartín, portavoz do grupo municipal nacionalista.
O BNG propón elaborar un plan de reactivación do comercio para manter o emprego, “un plan de choque ambicioso e dialogado co sector para cando acabe a crise, pois necesita dedicarlle todos os esforzos e axudas públicas posíbeis”.
Cando reabran os estabelecementos, pódense realizar programas de actividades para favorecer a conciliación e bonos para aparcadoiros co fin de estimular as compras no comercio local.
Así, reclama o aprazamento, fraccionamento ou condonación dos impostos e das taxas municipais. Podería facerse unha rebaixa proporcional do IBI polo tempo que estean pechados os locais e reducirse a cero o pagamento do lixo naqueles estabelecementos pechados. No caso dos que estean en alugueiro, deben ser o Goberno do Estado ou da Xunta quen arbitren axudas para facerlle fronte ao pagamento, engadiu.
Para o BNG é fundamental axilizar o período medio de pagamento a provedores por parte do Concello, pois isto supón unha inxección de liquidez para pequenas e medianas empresas neste período.
A maiores reclama o fraccionamento de impostos, que xa funciona noutros concellos, para o pagamento á carta segundo o número de mensualidades que se escolla, pois constitúe “unha medida social de primeira magnitude”.
Propón, ademais, fomentar que se invistan fondos públicos para a adquisición de mercadorías no comercio local; de xeito que administracións, centros educativos e residencias, entre outros, realicen as súas compras nestes estabelecementos.