Brión e Noia intensifican e amplian as labores de limpeza
Ambos concellos continúan os traballos de limpeza e desinfección para envitar a propagación do COVID-19
O Concello de Brión segue a ampliar os traballos de limpeza viaria, desinfección de edificios públicos e limpezas das zonas con maior afluencia de xente coa finalidade de evitar a propagación do coronavirus COVID-19. “Unhas tarefas que se están a ampliar grazas á colaboración desinteresada tanto de empresas como de veciños e veciñas de Brión que, coa súa xenerosidade e as súas doazóns, fan posible que poidamos ampliar este servizo”, explica o alcalde de Brión, José Luís García.
Así, os traballos de desinfección manual do persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal centráronse nos arredores dos principais locais abertos no municipio (farmacias, supermercados, panaderías, entidades bancarias, estancos, etc) e continuouse coa limpeza dos contedores de lixo e do distintos mobiliario urbano (papeleiras, bancos, etc). Así mesmo, reiteráronse os labores de limpeza nos exteriores do centro de saúde, da residencia de maiores e do centro comercial Monte Balado.
A desinfección co tractor realizouse na AC-543 (Avenida de Noia), no paseo de Pedrouzos, na avenida de Santa Minia, nos arredores da igrexa e do camposante de Brión; na AC-300, entre a rúa da Senra (Os Ánxeles) ata Chave da Ponte (Bastavales). Así mesmo, comezouse coa limpeza das aldeas e trabállase coa intención de achegarse a todos os núcleos de poboación do municipio. Así, durante estes días xa se actuou nas aldeas de Lago, Gundín, Liñares, Gronzo, Brión de Arriba, Brión de Abaixo, O Rial, Guldrís, Trasouteiro, Bemil, Soigrexa, Adoufe e Lamiño.
Uns traballos que se están a realizar de acordo co protocolo de limpeza viaria ante a pandemia de coronavirus aprobado polo Ministerio de Sanidade, empregando hipoclorito sódico ao 0,1% (20 ml de lixivia común por litro de auga).
O Concello de Noia recibiu a primeira achega de material a través da Xunta
Pola súa parte, o Concello de Noia está a intensificar e ampliar os traballos de limpeza e desinfección para evitar a propagación do coronavirus COVID-19. Uns traballos para os que dende onte conta con novo material achegado pola Delegación Provincial da Xunta de Galicia e consistente en mascarillas, luvas e equipos de protección integral que foron recollidos na xornada de onte e repartidos entre o persoal municipal de Protección Civil que se encarga das limpezas.
O alcalde de Noia, Santiago Freire, explica que “temos que agradecerlle á Xunta de Galicia a achega deste material así como das próximas entregas, que iremos recibindo de forma escalonada ao longo das próximas semanas. Así mesmo, quero reiterar o noso máis sentido agradecemento a todos os particulares e empresas que están colaborando connosco de forma totalmente desinteresada”.
Os traballos de limpeza e desinfección que se están levando a cabo comezaron a semana pasada con actuacións puntuais en lugares de especial concorrencia veciñal, como o centro de saúde ou a estación de autobuses. Nos días posteriores, o Concello de Noia ampliou este servizo a outros lugares como a praza de abastos e as entradas dos principais supermercados, tendas de alimentación, panaderías, peixerías, carnicerías e entidades bancarias no municipio.
Paralelamente, durante esta semana acometeuse un plan especial de limpeza por todas as rúas da vila, onde foron fumigadas papeleiras, zonas de apoio, pasamanos, marquesiñas, contedores e beirarrúas, aplicando máis de 1.600 litros de produto desinfectante a diluír en auga segundo as indicacións das autoridades sanitarias.