O Colexio de avogados mantén a súa actividade e aproba medidas de axuda aos seus colexiados
O Colexio de Avogados de Santiago mantén a súa actividade ordinaria durante o Estado de Alarma para dar servizo aos seus colexiados e á cidadanía, aínda que a atención por parte do persoal da institución é a través do teléfono ou por vía telemática, de 9 a 14 horas e de 17 a 20 horas de luns a xoves; os venres, en horario de 8.30 a 14.30 horas.
Por outra parte, a xunta de goberno do Colexio de Avogados de Santiago, consciente da situación sociosanitaria derivada da crise do COVID 19 e da súa repercusión económica para autónomos e profesionais, tomou a decisión de aprazar o cobro da cota do segundo trimestre.
Os colexiados que se acollan ao dito aprazamento poderán aboar ata o 31 de decembro a cota e a Xunta de Goberno estudará nas próximas datas, en función da evolución da pandemia, novas medidas compensatorias ou máis beneficiosas para os colexiados e colexiadas, sempre en adecuación aos orzamentos da corporación. Os interesados no aprazamento deberán solicitalo por escrito antes do 15 de abril.
Ademais, o colexio informou a todos os colexiados e colexiadas do servizo de asistencia a persoas detidas e da quenda de oficio que tan pronto se peche o trimestre, o día 31 de marzo, se emitirán á Dirección Xeral de Xustiza as correspondentes certificacións e xustificacións, co fin de que na primeira semana de abril se poida realizar o pagamento das quendas correspondentes a este primeiro trimestre do ano con fondos propios do colexio.
Esta medida significa un adianto no pagamento da quenda de aproximadamente un mes e medio e supón un desembolso de máis de 250.000 euros por parte deste colexio, unha iniciativa aprobada co obxectivo de axudar aos profesionais.
“Quero dar un especial agradecemento ás compañeiras e compañeiros que prestan nestes días asistencia xurídica, xa sexa dentro das quendas de asistencia ou por designación particular, porque nestes momentos o noso colectivo, como sempre fixo, debe velar polo cumprimento da legalidade vixente”, asegura o decano do colexio, Francisco Rabuñal.
“Non lle escapa a ninguén que esta situación excepcional na que nos atopamos poida derivar en efectos moi negativos para a economía do noso colectivo, polo que permaneceremos atentos para demandar da Administración as mesmas medidas que se adopten para outros colectivos, así como para estudar dende a Xunta de Goberno novas medidas que axuden a paliar estes efectos negativos, intentando dar solución aos problemas singulares na medida das nosas posibilidades”, engade Rabuñal.