Ponse en marcha o teléfono 010
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o número telefónico 010, habilitado polo Concello, comeza a funcionar a partir do venres, de 8:00 h. a 20:00 h.
Calquera persoa que non poida saír á rúa pode chamar a este teléfono. Servirá, sinalou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, reunida con carácter extraordinario; "para centralizar as demandas de atención social".
Este teléfono 010 será atendido inicialmente por voluntariado de Protección Civil, e prestará especial atención ás persoas que viven soas e ás que teñen unha idade avanzada ou mobilidade reducida, coa finalidade de minimizar os riscos derivados da alerta sanitaria orixinada pola crise do coronavirus, e combater o illamento. Trátase dun servizo gratuito, xestionado polo Concello de Santiago de Compostela.
O seu funcionamento baséase nunha xestión coordinada da administración local coas entidades de iniciativa social da cidade.