A área sanitaria compostelá conta cun sistema de telemonitorización específico para o coronavirus
Creouse un equipo de profesionais específico de atención permanente a estes doentes, 22 ata hoxe (5 están hospitalizados)
A área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza conta cun sistema de telemonitorización específico para seguimento de pacientes con COVID19. Deseñouse un circuíto asistencial para a atención remota a estes doentes, vinculado á plataforma TELEA, do que se están a beneficiar todos os doentes desde o primeiro día. Ata o día de hoxe hai 22 doentes con atención domiciliaria na área de Santiago e Barbanza, outros 5 doentes están hospitalizados, dos que 1 está nunha unidade de Coidados Intensivos.
Para esta atención creouse o Equipo de seguimento compartido atención hospitalaria (ESCAH) polo que permanentemente profesionais de enfermería (mañá, tarde e fins de semana) telemonitorizan os parámetros dos doentes: temperatura, saturación de oxíxeno por pulsioxímetro e frecuencia cardíaca e están en comunicación por mensaxería instantánea. Aqueles doentes que non dispoñen de internet ou non teñen habilidades para poder aportar estes datos, son chamados polos profesionais do equipo dúas veces ao día e estarán a disposición para calquera cambio que poida xurdir nos doentes.
Como coordinador do circuíto asistencial habilitouse tamén unha garda específica atendida por facultativos de Pneumoloxía e Medicina Interna.
Neste equipo tamén se integran os profesionais que acoden aos domicilios dos doentes que compren criterios de sospeita de COVID-19 para a toma de mostras. Desde mañá luns amplíase a 3 os equipos a domicilio (cada equipo está composto por 1 enfermeira + 1 auxiliar de enfermería).
Esta medida encádrase no Plan de Continxencia ante o COVID-19 realizado pola xerencia da Área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, no que figuran medidas e protocolos de actuación que se van adaptando á evolución da epidemia. Ademais das medidas organizativas xerais e en diferentes servizos hospitalarios (urxencias, UCI, hospitalización e CCEE) e na Atención Primaria, incorporouse novo material e tecnoloxía e procedeuse á contratación específica de persoal sanitario.