Ciclo de charlas con arquitectos de referencia de ámbito galego
A Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos de Galicia inaugura hoxe o ciclo de conferencias Próximos, catro charlas sobre arquitectura coa participación dun estudio de arquitectos de mirada e ámbito galegos, que se celebrarán de marzo a xuño na sede da delegación (Praza da Quintana, 1, 3º piso)
O seu presidente, Ángel Cid, explica que o ciclo é un achegamento aos estudios de arquitectura que traballan desde Galicia, ben creando proxectos dentro da nosa comunidade ou fóra dela. "As conferencias están orientadas a poñer en valor o traballo de compañeiros radicados en Galicia", indica.
O encargado de abrir hoxe o ciclo, ás 19.30 horas, é Estar, estudio de arquitectura, fundado por Aurora Armental Ruiz e Stefano Ciurlo Walker en Santiago. No relatorio, os arquitectos falarán sobre a transformación do Ancien Manège, unha rehabilitación no casco histórico de Xenebra (Suíza), resultante dun importante concurso internacional.
Os arquitectos explican que o Ancien Manège foi construído entre 1828 e 1829 para albergar unha cabalariza militar no centro histórico de Xenebra. A súa composición volumétrica "por partes" segue os canons de principios do século XIX, unha gran área central cuberta, dos volumes laterais destinados ás cortes, unha rotonda semicircular na que se sitúa a entrada e catro torres que definen as esquinas do edificio. Co paso do tempo, os arquitectos lembran que o edificio acolleu outros usos, sufrindo importantes modificacións. Polo tanto, a súa intervención no edificio partiu de ter en conta todas estes cambios e interpretalos para devolver o edificio á cidade como equipamento público. Na súa intervención, describirán o proceso seguido no traballo de rehabilitación.