‘Camiño ComPostal’ mostrará cen postais históricas da Ruta ata finais de abril en Santiago
A exposición inaugurouse este mércores no Museo das Peregrinacións coa presenza de Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais, e poderá verse ata finais de abril
A exposición Camiño ComPostal, organizada pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), abriu esta mañá a súa última parada, que se prolongará ata finais do mes de abril no Museo das Peregrinacións de Compostela.
Á apertura asistiron Anxo Lorenzo, director xeral de Políticas Culturais; e Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións; ademais do presidente de APECSA, Xosé María García Palmeiro; e o comisario da mostra, o xornalista e reporteiro gráfico JoséManuel Salgado.
Foi Salgado o encargado de presentar a estadía en Compostela da Mostra, que reúne 110 postais históricas “que, no seu día, eran moito máis que un simple souvenir: habíaas sobre acontecementos, sobre novas, sobre o día a día, e eran un auténtico medio de comunicación”. A súa transcendencia, explicou o comisario, “foi probablemente maior que as actuais redes sociais, e pódese entender recordando simplemente que ata que apareceron era probable que un madrileño non soubese como era a Catedral de Santiago”. “Cada unha das postais expostas”, contou, “ten a súa propia historia”.
O director xeral de Políticas Culturais , Anxo Lorenzo, expresou, pola súa banda, o seu apoio a “unha exposición sinxela pero moi significativa”, incluída dentro das axudas que a Xunta achega a través do programa O teu Xacobeo, que buscan, “con iniciativas coma esta, a máxima difusión territorial de actividades promovidas por axentes socioculturais, empresas e institucións”.
Mentres, o presidente de APECSA, Xosé Mª García Palmeiro,agradeceu o “agarimo co que o Museo das Peregrinacións e a súa directora, Esperanza Gigirey, acollen sempre as iniciativas de APECSA”. “Camiño ComPostal remata aquí a súa peregrinación, de xeito moi significativo, despois de percorrer unha ducia de localidadesndo Camiño Francés”, resumiu.