Galicia rexistrou case 6.000 demandas de ruptura matrimonial o ano pasado
A comunidade sitúase en 21,9 peticións por cada 10.000 habitantes, por baixo da media estatal
O número de demandas de ruptura matrimonial (separacións e divorcios) presentadas en Galicia en 2019 practicamente mantéñense con respecto a 2018. O ano pasado nos xulgados da comunidade rexistráronse 5.920 procedementos deste tipo, un 1 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 5.981, segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial.
Os divorcios consensuados pasaron de 3.352, no ano 2018, a 3.184, en 2019, o que supón un descenso do 5 %. Os non consensuados, con todo, subiron un 4,4 %, de 2.411 a 2.516. O ano pasado contabilizáronse 156 separacións de mutuo acordo, un 2,6 % máis que en 2018, cando se rexistraron 152. O informe tamén reflicte unha diminución dun 3 % das separacións contenciosas, ao pasar de 66 a 64. En 2019 interpuxéronse dúas peticións de nulidade matrimonial, fronte ás tres do exercicio anterior.
Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación ao 1 de xaneiro de 2019, Galicia sitúase en 21,9 peticións por cada 10.000 habitantes, por baixo da media estatal (23,3).
O ano pasado iniciáronse 623 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, un 14,5 % máis que en 2018, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.801, o que supón un aumento do 4,8 %.
En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 909 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un aumento do 5,9 % con respecto ao período anterior. As demandas non acordadas tamén incrementaron, pois pasaron de 1.274, en 2018, a 1.325, en 2019, o que supón un 4 % máis.