Chega a Compostela un grupo de peregrinos católicos, os primeiros que saen do principio do Camiño Inglés en 500 anos
Foron recibidos no Obradoiro polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte
O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, recibiu este sábado na Praza do Obradoiro, a un grupo de 14 peregrinos procedente de Durham, e de Finchale, en Inglaterra. Son os primeiros peregrinos católicos que percorren este itinerario en case medio século, despois da prohibición decretada polo rei Enrique VIII.
Comezaron o seu percorrido na abadía de Finchale, o lugar onde comeza o Camiño inglés, e despois de percorrer algúns tramos en Inglaterra, o pasado 1 de marzo chegaban a Galicia. O día 2 saían de Ferrol, e hoxe chegaban á meta, á Praza do Obradoiro, acompañadas dunha guía da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, impulsora desta ruta xacobea.
Despois de dar a benvida ao grupo e de saúdar aos seus integrantes, Sindo Guinarte sinalaba que o Camiño Inglés “é un dos camiños que máis se está revitalizando”. Engadía que “desde o Concello estamos encantados de recibir a estas persoas que ven de Inglaterra e por en valor e facer patente a nosa vontade acolledora”. O concelleiro de Turismo finalizaba sinalando que tanto este ano, como o que ven, posiblemente esta ruta xacobea incrementará “notablemente o número de persoas que a percorren”.