Suspenden o Encontro de Teatro Xuvenil Europeo en Santiago pola expansión do coronavirus
Ía celebrarse entre o 31 de marzo e o 2 de abril. Agora pénsase en setembro ou outubro como datas alternativas.
Os organizadores da primeira edición do Encontro de Teatro Xuvenil Europeo que tiña previsto celebrarse en Santiago entre o 31 de marzo e o 2 de abril anunciaron a suspensión da cita debido á expansión do coronavirus.
O Casino de Santiago, entidade organizadora do evento, anunciou este venres o adiamento do encontro, que se moverá aos meses de setembro ou outubro.
Nesta primeira edición do encontro está previsto que participasen grupos procedentes de Moscova, Vannes (Francia), Logroño e dous centros de Santiago, os institutos de Pontepedriña e o Antonio Fraguas, do barrio das Fontiñas.
O Casino, que apunta a que a decisión foi acordada coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, agradece aos grupos participantes o seu compromiso para acudir a Santiago na nova data proposta.
Ademais, tamén expresa o seu agradecemento ás empresas de hostalaría e transporte que colaboran no evento.