Ábrese a inscrición no Programa de Conciliación de Semana Santa
O Departamento de Educación abre o prazo de inscricion para o Programa Municipal de Conciliación Laboral e Familiar de Semana Santa, que se desenvolverá os días 6, 7, 8 e 13 de abril. Este programa comprende un conxunto de actividades a realizar nas instalacións do CEIP Monte do Postes e do CEIP Cardeal Quiroga Palacios. O prazo de inscrición estará comprendido entre o luns 9 e o venres 20 de marzo.
Este programa está destinado á poboación escolarizada en educación infantil e primaria do municipio de Santiago. Concíbese como un espazo educativo, de promoción do ocio e o tempo de lecer, ademais dun recurso para a conciliación familiar e laboral no tempo de vacacións. As familias teñen a opción de escoller entre participar todos os días do programa ou en días soltos.
O horario será de 7:45 a 16:00 horas. O servizo de madrugadores funcionará de 7:45 a 9:00 horas e poderá ser con ou sen almorzo. De 9:00 a 14:00 horas realizaranse os obradoiros e actividades. Finalmente, entre as 14:00 e as 16:00 horas, existe a posibilidade de solicitar o uso do servizo de comedor.Os prezos van dende os 83,60 euros da modalidade completa ata os 12 euros que custa un día solto con só actividades. Hai descontos do 20% para familia numerosas, monoparentais, nenos/as con discapacidade e cando participen dous irmáns no programa. Tamén se habilitarán descontos do 50% ou do 100% para familias con escasos recursos.