A doutora Mª José Fernández Seara, Xurxo Martiño e Emetel, Premios Down Compostela 2020
A Fundación DOWN COMPOSTELA acordou recoñecer o traballo que veñen realizando a doutora María José Fernández Seara, o artista Xurxo Martiño e a empresa Emetel concedéndolles os PREMIOS DOWN COMPOSTELA 2020 pola súa implicación na mellora da saúde das persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades ou enfermidades, por promover a expresión artística das persoas con trisomía 21 e por favorecer a súa inclusión laboral no campo das novas tecnoloxías.
Os galardóns entregaranse o próximo día 20, na gala que se celebrará no Hostal dos Reis Católicos e no que as persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual volverán ser as protagonistas, xa que presentarán aos premiados e entregaranlles a escultura de Cándido Pazos que simboliza estes premios, que celebran xa a súa novena edición. O acto comezará ás 20.30 horas para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down, que se celebra ao día seguinte tras a decisión da ONU de dedicar o 21-3 ás persoas con Trisomía 21 desde o ano 2012.
PREMIADOS 2020
A Comisión Executiva da Fundación DOWN COMPOSTELA aprobou por unanimidade a proposta para conceder os galardóns deste ano a:
Doutora María José Fernández Seara
Pola súa contribución a mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas con Síndrome de Down e outras discapacidades. A doutora Seara, neonatóloga no Complexo Hospitalario de Santiago, implantou en 2002 o Protocolo de seguimento da saúde de nenas e nenos son Síndrome de Down desde o seu nacemento, seguindo as recomendacións do Programa de Saúde de Down España. Un programa de medicina preventivo que, máis aló dos coidados médicos, deriva aos nenos e nenas aos servizos de Atención Temperá e coordina a atención con outros especialistas.
Xurxo Martiño
Por pór toda a súa creatividade e saber artístico a disposición de mozas e mozos con Síndrome de Down, que atopan na pintura unha forma de realización e superación persoal. Fai case vinte anos que Xurxo Martiño traballa con Carla Lojo e Álvaro Díez, dous mozos de Down Compostela artistas xa recoñecidos e premiados. A través da pintura, axudoulles a ser eles mesmos como persoas e como artistas, cada cal coa súa particular forma de ver, plasmar e interpretar o mundo que lles rodea.
Emetel
Pola súa aposta en favor da integración laboral das persoas con Síndrome de Down e discapacidade intelectual no campo das altas tecnoloxías, a ciberseguridade e os servizos dixitais. Desde 2017 está consultora con sede social en Oleiros desenvolve un programa de responsabilidade social empresarial que facilitou en 2018 a contratación de Carlota Rodríguez, unha moza da Fundación que desenvolve a súa carreira profesional en Emetel con plena satisfacción por ambas as partes.
Cada un dos premiados recibirá unha escultura do artista compostelán Cándido Pazos feita especialmente para representar estes galardóns: unha man montada sobre unha base de cuarzo do Pico Sacro. “A man é a máxima expresión do ser humano”, sinala o artista, quen utilizou as cores corporativas da Fundación (azul, amarelo e gris) para esmaltar as pezas. Coas mans, Cándido Pazos pretende simbolizar o apoio que os premiados deron ás persoas con Síndrome de Down e a recompensa que recibiron por iso.