O PP reúnese con responsables de Down Compostela
Na reunión, o presidente e vicepresidente da Asociación, Juan Jesús Martínez López e Xaime López, respectivamente, explicáronlle a Verea Fraiz o funcionamento e organización deste organismo que está a facer un gran labor en distintos asuntos
O presidente da Xunta Xestora do Partido Popular de Santiago, Borja Verea Fraiz, mantivo está semana unha reunión coa Asociación Síndrome de Down de Santiago, creada en 1997. Durante esta xuntanza o Popular, tomou nota das principais necesidades e inquedanzas desta organización.
Na reunión, o presidente e vicepresidente da Asociación, Juan Jesús Martínez López e Xaime López, respectivamente, explicáronlle a Verea Fraiz o funcionamento e organización deste organismo que está a facer un gran labor en asuntos tan destacados como a inclusión social, tanto a través de actividades de aprendizaxe e integración como con servizos de prevención da dependencia; e promoción da autonomía persoal.
Esta entidade, que na actualidade conta con máis de 100 socios, creouse co fin de garantir unha maior independencia ás persoas con Síndrome de Down; promover a súa participación social en igualdade de condicións; e fomentar a integración familiar, social, educativa e laboral.
A Asociación Síndrome de Down de Compostela promoveu a constitución da Fundación Down Compostela para implicar a outras institucións públicas e privadas.
Neste momento, A Fundación Down Compostela está a asumir todas as áreas e programas que, ata o de agora, desenvolvía a Asociación, que agora dedícase a levar a cabo actividades puntuais.
Antes de rematar esta xuntanza, Borja Verea quixo amosar todo o seu apoio as persoas que traballan nestas entidades e comprometeuse a facer todo o que estea na súa man para, desde o cargo que desenvolve, axudar a solucionar os problemas nese eido e trasladar á sociedade o bo traballo que se está a levar a cabo desde este organismo.