Denuncian o estado do parque de Chavián de Bertamiráns
A Praza de Chavián está pechada con vaias metálicas, inutilizable dende hai meses e supoñendo un perigo para os rapaces
Dende o PP de Ames denuncian o estado actual da céntrica plaza e parque no que as obras están paralizadas sen explicación. Tal e como apuntan desde o grupo popular, en decembro de 2018, uns meses antes das eleccións municipais, iniciábase o expediente de contratación mediante acordo da Xunta de Goberno Local de 5 de decembro, das obras para a reforma e instalación dunha cuberta na área de xogos do parque infantil emprazado na Praza de Chavián de Bertamiráns cun orzamento de case 190.000€.
A área de xogos pretendía colocar unha estrutura porticada metálica e lixeira que se cubriría cunha vaia metálica semitransparente de aproximadamente 160 metros cadrados e que sería útil tanto na época de choiva como de verán, o resto da área de xogos podería utilizarse para nenos de ata 12 anos.
O 25 de abril de 2019, , o goberno socialista adxudicaba por 153.549 € as obras, adxudicación que se formalizaría mediante a firma do correspondente contrato cun prazo de execución máximo de catro meses a partir do día seguinte a firma da acta de comprobación de replanteo que tiña como prazo máximo un mes, tal como estipula a cláusula 18.2 do Prego de Cláusulas Administrativas particulares, polo tanto, as obras debería estar concluídas a principios do mes de outubro de 2019.
"A realidade é que a día de hoxe, a situación da Praza de Chavían é lamentable, as obras están paradas e a zona está rodeada por unhas vaias metálicas que supoñen un perigo para os rapaces que se colgan e trepan por elas continuamente. As obras que inicialmente empezaron un poucos días antes das eleccións municipais, levan meses paradas, non avanzaron nada e simplemente se quitaron as pezas de xogos anteriores tal e como se pode ver nas fotos que se achega.", apuntan desde o PP.
Os populares apuntan que "a acta da Xunta de Goberno non proporciona información sobre a causa pola que é preciso introducir modificacións no proxecto, tampouco informa sobre como afectarán ditas modificacións sobre o proxecto orixinario nin que repercusión económica terá sobre o orzamento inicial, a única realidade é a suspensión acordada polo goberno socialista tal e como figura na Acta da Xunta de Goberno".