miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Os avogados de Santiago celebraron San Raimundo cun emotivo acto

Os avogados de Santiago celebraron San Raimundo cun emotivo acto
Os avogados de Santiago celebraron San Raimundo cun emotivo acto

O Colexio de Avogados de Santiago celebrou esta tarde a festividade de San Raimundo de Peñafort, cun programa de actos aos que asistiron numerosas autoridades locais e autonómicas dos ámbitos xurídico, político e civil.

O acto central foi moi emotivo, pola homenaxe a César Rúa e Carlos García Cumplido, que recibiron as medallas de Ouro do colexio pola súa traxectoria e vinculación coa institución, así como polo recordo a Leonor Castro, entre outros momentos.

Na súa intervención, o decano do Colexio de Avogados de Santiago, Francisco Rabuñal, lembrou que “Carlos e César, entre os dous xuntos, son 60 anos de historia do colexio, grandes compañeiros e persoas que deixan unha fonda pegada polo seu traballo”.

Rabuñal demandou “unidade no conxunto do sector para traballar por un ben común que temos que protexer e defender entre todos, que é a xustiza”.

Asistiron ao acto a presidenta do Consello Xeral da Avogacía Española, Victoria Ortega; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde; o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín, e o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, entre outras autoridades.

Victoria Ortega mantivo na súa intervención a liña de Francisco Rabuñal e afirmou que “a avogacía institucional leva anos demandando un gran pacto pola xustiza en España, temos que crear e defender unha xustiza que mereza tal nome dentro dun verdadeiro Estado de Dereito”.

O programa comezou ás seis da tarde cunha misa na Igrexa de Santa Maria Salomé en recordo dos compañeiros falecidos, para dar paso ao acto solemne no salón nobre de Fonseca (19:00 horas), ao que asistiron máis de 300 persoas.

César Rúa Martínez e José Carlos García Cumplido, que deixaron o mes pasado a xunta de goberno do colexio despois de moitos anos de dedicación, recibiron as medallas de Ouro na categoría de Avogados.

César Rúa é colexiado exercente número 568 do ICA de Santiago dende o 23 de xaneiro de 1978, é dicir, máis de 40 anos de exercicio profesional. Membro da Xunta de Goberno deste colexio dende o 1 de decembro de 1985, 35 anos nos que ocupou distintos cargos e foi tamén delegado territorial da Mutualidade da Avogacía neste colexio.

Pola súa parte, Carlos García Cumplido é colexiado exercente número 685 do ICA de Santiago dende o 27 de febreiro de 1984. Membro da Xunta de Goberno deste colexio dende o 5 de decembro de 1994, cando foi elixido secretario. Dende aquela vén ocupando este cargo, ata o seu cesamento voluntario no mes de xaneiro deste ano.

“Dous magníficos profesionais e compañeiros, César e Carlos forman parte da historia do Colexio de Avogados de Santiago e continuarán moi unidos á nosa institución”, considera a xunta de goberno da institución.

Leonor Castro Calvo (a título póstumo), ex maxistrada da Sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña, e Xurxo Melchor Carrera, xornalista, foron este ano as medallas de Ouro na categoría de Non Avogados.

O colexio destaca de Leonor Castro que “trasladaba tranquilidade, sensibilidade, educación, sabía escoitar e tiña un bo facer dende o punto de vista xurídico sendo o seu trato en sala impecable e respectuoso, todo iso sen menoscabo de exercer a función xurisdicional con auténtica profesionalidade”. A súa relación coa avogacía compostelá foi excelente e entendía e comprendía o que é e significa ser avogada ou avogado. Dende hai moitos anos, nunca faltou aos actos do noso patrón San Raimundo de Peñafort.

Xurxo Melchor, xornalista especializado en tribunais e sucesos, recibe a distinción pola súa traxectoria que vén desenvolvendo nos últimos sete anos na edición de Santiago no xornal La Voz de Galicia.

“Con oficio, serio e gran narrador de situacións cotiás, vén reivindicando o papel dos medios de comunicación na formación da sociedade, na imparcialidade e na obxectividade. Sempre atento cos profesionais da avogacía compostelá en xeral, e co Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela en particular, é digno merecedor desta distinción pola súa contribución á boa valoración que mantén a cidadanía sobre os profesionais da avogacía compostelá”, sostén a xunta de foberno da institución.

Por último, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela recibiu o XI Premio Dereitos Humanos do colexio.

“Esta asociación sen ánimo de lucro, Sarela, vén prestando dende o ano 2000 apoio diario ás persoas afectadas polo dano cerebral adquirido (DCA), que xera frecuentemente discapacidades permanentes naquelas e require de especiais medidas de coidado, atención e apoio individualizado, tanto a elas mesmas como ás súas familias, con implicacións legais nalgúns casos”, destaca a xunta de goberno do colexio.

“O obxectivo final da actividade de Sarela é o de mellorar a calidade de vida, buscando, no posible, a reinserción ao mundo sociolaboral e académico das persoas afectadas; vaia, pois, o noso recoñecemento público ao importante labor social que está a desempeñar”, engade.

Tamén houbo unha entrega de diplomas aos letrados e letradas que cumpren 25 anos de exercicio profesional e unha xura ou promesa de novos letrados e letradas. A xornada pecharase cunha cea de confraternización no Gran Hotel Os Abetos. 

Comentarios
Lo más