miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Esther Molinero e Pepa Mariño estrenan exposición en Santiago

Esther Molinero e Pepa Mariño estrenan exposición en Santiago
Esther Molinero e Pepa Mariño estrenan exposición en Santiago

Esther Molinero e Pepa Mariño mostran o seu mundo interior en pinturas e esculturas cheas de inquietudes ecolóxicas e sociais en Santiago

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará o vindeiro luns, 2 de marzo, a mostra de pintura e escultura "Nos Biosbardos" das artistas Esther Molinero e Pepa Mariño, afincadas en Santiago. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre de Santiago. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 27 de marzo.

Na exposición exhibiranse 42 obras xurdidas da vida interior de ambas artistas que, a través da súa particular iconografía, cromatismo, formatos e soportes, transmiten ao público as súas inquietudes e sensacións ecolóxicas e sociais. “A individualidade creadora de ambas artistas queda reflectida nesta mostra que ten como nexo de unión a constante preocupación polo contorno natural no que viven” –destaca Manuel Nieto, comisario da mostra e membro da xunta directiva da Asociación–.

Esther Molinero, natural de Almodóvar del Campo (Ciudad Real), presenta unha interesante e novidosa obra repleta de vitalidade e rabiosamente poética, froito do seu constante afán investigador na busca de novas linguaxes expresivas.

Dá vida a delicadas creacións, realizadas con tintas mesturadas que recrean mundos imaxinarios de sorprendente plasticidade. Debuxa mapas e paisaxes que transitan entre a realidade e a abstracción, que atrapan a mirada do espectador polo seu fermoso trazo e a sabedoría coa que manexa a depurada técnica da tinta. “Utiliza a fantasía e a cor buscando alcanzar a harmonía e o equilibrio entre a natureza e os seres que a habitan, ofrecendo un canto á ledicia, nun intento de conmover y achegarnos a súa utópica causa” –explica Manuel Nieto–.

Homenaxe á muller como nexo de unión coa nai natureza

Pepa Mariño, natural de Pontevedra, comparte o espazo expositivo coas súas esculturas de pequeno e mediano formato, realizadas a maior parte en bronce sobre granito e combinadas con outras máis próximas ao arte povera e ao reciclaxe, de inspiración clásica, en xeral, pero con mensaxes tamén de contido social. Aporta tamén a esta mostra unha selección de lenzos realizados en técnica mixta e distintos formatos, cunha linguaxe estética coa que pretende transformar o cotián, idealizando personaxes, seres e obxectos.

Mariño elabora as súas obras con total liberdade formal e xestual, deixando unha porta aberta á fantasía e aos soños. Segundo sinala Manuel Nieto, o seu campo artístico é o informalismo, onde elementos e materia cobran especial protagonismo nun intento de detallar o seu particular universo no que o substrato é  súa constante preocupación social. Ademais, na súa temática e forte cromatismo subxace o desexo de render unha homenaxe á muller como nexo de unión coa nai natureza.

Comentarios
Lo más