Preguntan por medidas para mellorar a luminosidade en distintas rúas da cidade
A concelleira do Grupo Municipal Popular, Beatriz Cigarrán, preguntará, no vindeiro Pleno ordinario deste mes ao Goberno de Sánchez Bugallo se ten pensado adoptar algunha medida para ao incremento da luminosidade en distintas rúas onde se percibe un descenso da intensidade luminosa, sobre todo, na zona do Ensanche.
Co obxectivo de aumentar a eficiencia enerxética e diminuír o consumo de enerxía, desde hai varios anos estase a desenvolver un proceso paulatino de substitución de luminarias en moitas rúas da cidade, coa instalación de lámpadas led, que afecta a distintas áreas de Santiago, pero que se cabe se fai máis apreciable na zona do Ensanche, onde ese criterio de eficiencia enerxética se ten aplicado tamén ás novas reurbanizacións que se foron acometendo.
Para a concelleira Popular, trátase dunha medida acertada e ambientalmente sostible, que cómpre seguir implementando de cara ao futuro, pero é necesario corrixir a carencia de luz, posto que este cambio das luminarias está a supoñer, en moitos casos, un descenso da intensidade luminosa, “non sabemos se por efecto das propias lámpadas ou da súa regulación”.
Cigarrán destaca que esta situación afecta á percepción das persoas, especialmente da veciñanza de maior idade, “segundo puidemos comprobar polas queixas recibidas-, co que iso supón, tanto para a seguridade obxectiva, cun maior risco de accidentalidade na calzada e, sobre todo nas beirarrúas; como para a seguridade subxectiva, cun incremento do temor ante posibles riscos de todo tipo”.