Piden explicacións sobre o papel que desenvolve a empresa que colabora na xestións das multas de tráfico
Os Populares advirten que a empresa que colabora na xestión das multas realiza funcións que deberían quedar reservadas aos funcionarios públicos, unha situación que certamente se arrastra desde hai moitos anos
O Grupo Municipal Popular vai interpelar no próximo Pleno municipal ao Goberno local a fin de que este aclare cal é o papel que desenvolve a empresa que colabora na xestión das multas de tráfico e que ten pensado facer para controlar un papel hoxe excesivo.
O voceiro Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, advertiu que a empresa, en principio, encargada de colaborar con funcións auxiliares e complementarias na xestión das multas de tráfico é a que, en realidade, estima ou desestima alegacións ou formula as propostas de resolución das multas, unha tarefa que debería estar reservada á propia Administración local, se ben Brunete recoñeceu que esta é unha situación arrastrada desde hai moitos anos.
Os Populares tamén lle preguntarán ao Goberno se ten pensado implantar algunha fórmula de xestión de multas de tráfico que non estimule a imposición desaforada de sancións en beneficio dunha empresa.
Radar de Conxo
O voceiro do Grupo Municipal Popular recoñeceu que os medios tecnolóxicos, como fotorroxos e radares,contribúen á seguridade viaria pero, advertiu, que cómpre ser proporcional na súa instalación, actuando con obxectividade e priorizando os emprazamentos.
Neste sentido, pediulle ao Goberno que aclare certas contradicións e que acredite que non se instalou un radar en Conxo por ser un tramo onde se pode recadar máis diñeiro fronte a outros treitos onde se poden xerar máis accidentes.