miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O PP traslada a preocupación pola seguridade viaria e limpeza en San Lázaro

O PP traslada a preocupación pola seguridade viaria e limpeza en San Lázaro
O PP traslada a preocupación pola seguridade viaria e limpeza en San Lázaro

O Grupo Municipal Popular tamén quere saber se o Goberno Local contempla a posibilidade de instalar colectores de lixo entre as glorietas de acceso á rúa da Muiña e de acceso ao Palacio de Congreso, na marxe que carece delas

O Grupo Municipal Popular preguntará ao Goberno de Sánchez Bugallo no vindeiro Pleno ordinario se ten previsto levar a cabo algunha mellora no barrio de San Lázaro, posto que son moitos os veciños e pequenos empresarios que reclaman solucións aos distintos problemas que sofren desde hai tempo nesta entrada á cidade.

Os Populares destacan que é urxente adoptar algunha medida de seguridade co fin de evitar o potencial perigo dos desniveis que existen nas beirarrúas de ambos lados da rúa de San Lázaro, xa que son moitos os peóns e peregrinos que cada día transitan por esta zona de Santiago.

Nesta pregunta, o Grupo Municipal Popular tamén quere saber se o Goberno Local contempla a posibilidade de instalar colectores de lixo entre as glorietas de acceso á rúa da Muiña e de acceso ao Palacio de Congreso, na marxe que carece delas.

O Grupo Popular incide en que nas beirarrúas da rúa de San Lázaro, concretamente, no tramo coincidente coa antiga N-634, entre o cruce que dá acceso á rúa París e a glorieta que conecta coas rúas da Muíña e de Clemente Fernández Sarela, existen varias zonas cuns desniveis moi acusados, como consecuencia da necesidade de proporcionarlle un axeitado acceso ás vivendas, tal e como se pode apreciar nas fotografías que se acompañan.

Esta circunstancia provoca, porén, un potencial perigo para as moitas persoas que por alí transitan, ao coincidir coa traza do Camiño Francés, polo que sería necesario instalar algunha medida de protección para mellorar a seguridade peonil.

Por outra parte, a veciñanza desa zona tamén nos ten manifestado a incomodidade que supón, especialmente para os establecementos comerciais e de hostalería, a ausencia de colectores de lixo na marxe esquerda cara a San Marcos, no tramo comprendido entre a glorieta pola que se accede á rúa da Muíña e a glorieta de acceso ao Palacio de Congresos. Mentres no resto da rúa existen colectores en ambos lados, neste tramo concreto os residentes deben cruzar a rúa para depositar o lixo, coa incomodidade que iso supón para transportar os residuos que se xeran nos locais comerciais e tamén para o conxunto da veciñanza, especialmente nos días de chuvia.

Comentarios
Lo más