miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Santiago, capital do xadrez grazas ao II Maxistral Cidade de Compostela

Santiago, capital do xadrez grazas ao II Maxistral Cidade de Compostela
Santiago, capital do xadrez grazas ao II Maxistral Cidade de Compostela

Dende este martes e ata o próximo 18 de febreiro, Compostela acolle a II edición do Maxistral Cidade de Compostela, un torneo que pretende impulsar os/as máis prometedores/as xogadores/as galegos/as e darlles a oportunidade de alcanzar os títulos de Mestre Internacional e Gran Mestre internacional, enfrontándoos a prestixiosos xadrecistas. As partidas desenvolveranse todas as tardes, a partir das 17:00 horas, no Hotel Hesperia Peregrino.

O Maxistral está deseñado como torneo pechado, con dez xogadores que loitan entre eles en sistema de liga. Todas as partidas poderanse seguir en directo nos salóns do Hotel Peregrino, e tamén no portal www.chess24.es, cos comentarios do GM David Lariño (campión nacional absoluto). Os detalles da competición foron presentados esta mañá nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa; o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán; o presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, e César Abella, da organización do torneo.

Meste Internacional e Gran Mestre Internacional
O torneo ofrécelle aos/ás máis prometedores/as xogadores/as galegos/as a oportunidade de alcanzar o título de Mestre Internacional e Gran Mestre Internacional. Así, os composteláns Luís Medarde e Fernando Sánchez, xunto co ourensán David Gómez e o pontevedrés Alberto Portela, loitarán por conseguir 5 puntos dun total de 9, o que lles outorgaría matematicamente o título de Mestre Internacional. O outro galego, o xa Mestre Internacional Julio Súarez, precisaría 7 puntos sobre 9 para conseguir o seu primeiro título de Gran Mestre. Na mesma circunstancia está o leonés José González, xogador nacional convidado nesta edición.

Os grandes mestres invitados son o portugués Luís Galego (cinco veces campión nacional), o búlgaro Vladimir Petkov (unha vez campión nacional e membro das Selección olímpica en dúas ocasións), o serbio Aleska Strikovic (último campión da extinta Iugoslavia) e o armenio Karen Grigoryam, a figura do momento, que supera os 2.660 puntos ELO FIDE, aproximándose ao top 100 mundial.

Torneo paralelo aberto
Como novidade respecto á primeira edición do Maxistral, celebrarase tamén un torneo aberto a todos os/as xogadores/as, cun límite de 50 prazas, no que se repartirá unha bolsa de premios de 1.500 euros. A priori, o Mestre Internacional Diego Espiñeira é o favorito desta proba, na que tamén participan o Mestre FIDE Marcial García Carbo, e outros destacados xogadores como Henrique Rey Malde (campión absoluto galego), Carlos Pena, Eloy Sixto, Pablo Cordido ou Aspet Tadevosyan, actual campión mundial sub-14.

O I Maxistral Cidade de Compostela está organizado pola USC e conta co apoio do Concello de Santiago, de Galicia Calidade, da Caixa Rural, da Federación Galega de Xadrez e de Hesperia. 

Comentarios
Lo más