O alcalde destaca o interese dos concellos lusos por impulsar os Camiños
Na rolda de prensa para dar conta dos asuntos da Xunta de Goberno ordinaria deste luns, o rexedor aproveitou tamén para avaliar os resultados desta xuntanza, na que constatou o interese dos concellos lusos por impulsar os Camiños de Santiago. Ademais, confirmou que na primavera se formalizará o irmandamento coa cidade de Braga.
Sánchez Bugallo afirmou ter comprobado nesta Asemblea a importancia que teñen adquirido os Camiños de Santiago entre os municipios portugueses. "Todos os alcaldes e alcaldesas dos concellos lusos mostraron o interese por impulsar os Camiños e por participar no Xacobeo 2021", indicou.
Entre estes municipios interesados está Braga, cidade coa que está previsto formalizar o irmandamento neste primavera a través dun convenio de colaboración, segundo anunciou o alcalde. Salientou que "Santiago e Braga teñen moito en común e imos colaborar en eidos como a cultura, os Camiños ou as novas tecnoloxías". En particular, referiuse ás sinerxias que se poden crear como centros de referencia que son as dúas cidades no eido da biotecnoloxía e da madeira (Santiago) e da nanotecnoloxía (Braga).