miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O avogados de Santiago celebran a súa festa o día 28

O avogados de Santiago celebran a súa festa o día 28
O avogados de Santiago celebran a súa festa o día 28

O Colexio de Avogados de Santiago celebrará o próximo 28 de febreiro, venres, a festividade de San Raimundo de Peñafort, cun programa de actos aos que asistirán numerosas autoridades locais e autonómicas dos ámbitos xurídico, político e civil

O programa comezará ás seis da tarde cunha misa na Igrexa de Santa Maria Salomé en recordo dos compañeiros falecidos, para dar paso ao acto solemne no salón nobre de Fonseca (19:00 horas), ao que asistirán máis de 300 persoas.

César Rúa Martínez e José Carlos García Cumplido, que deixaron o mes pasado a xunta de goberno do colexio despois de moitos anos de dedicación, recibirán medallas de Ouro na categoría de Avogados.

César Rúa é colexiado exercente número 568 do ICA de Santiago dende o 23 de xaneiro de 1978, é dicir, máis de 40 anos de exercicio profesional. Membro da Xunta de Goberno deste colexio dende o 1 de decembro de 1985, 35 anos nos que ocupou distintos cargos e foi tamén delegado territorial da Mutualidade da Avogacía neste colexio.

Pola súa parte, Carlos García Cumplido é colexiado exercente número 685 do ICA de Santiago dende o 27 de febreiro de 1984. Membro da Xunta de Goberno deste colexio dende o 5 de decembro de 1994, cando foi elixido secretario. Dende aquela vén ocupando este cargo, ata o seu cesamento voluntario no mes de xaneiro deste ano.

“Dous magníficos profesionais e compañeiros, César e Carlos forman parte da historia do Colexio de Avogados de Santiago e continuarán moi unidos á nosa institución”, afirma o decano, Francisco Rabuñal.

Leonor Castro Calvo (a título póstumo), ex maxistrada da Sección 6ª da Audiencia Provincial da Coruña, e Xurxo Melchor Carrera, xornalista, son este ano as medallas de Ouro na categoría de Non Avogados.

Xurxo Melchor, xornalista especializado en tribunais e sucesos, recibe a distinción pola súa traxectoria que vén desenvolvendo nos últimos sete anos na edición de Santiago no xornal La Voz de Galicia.

“Con oficio, serio, e gran narrador de situacións cotiás, vén reivindicando o papel dos medios de comunicación na formación da sociedade, na imparcialidade e na obxectividade. Sempre atento cos profesionais da avogacía compostelá en xeral, e co Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela en particular, é digno merecedor desta distinción pola súa contribución á boa valoración que mantén a cidadanía sobre os profesionais da avogacía compostelá”, sostén a xunta de foberno da institución.

Por último, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela recibirá o XI Premio Dereitos Humanos do colexio. Tamén haberá unha entrega de diplomas aos letrados e letradas que cumpren 25 anos de exercicio profesional e unha xura ou promesa de novos letrados e letradas. A xornada pecharase cunha cea de confraternización no Gran Hotel Os Abetos.

“É unha cita xa clásica para a profesión, a festividade de San Raimundo é a nosa festa anual e tamén un lugar de encontro da sociedade civil de Compostela”, engade decano da institución, Francisco Rabuñal. 

Comentarios
Lo más