Ruth Lodeiro trae á Asociación Área Empresarial do Tambre as súas últimas series escultóricas
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugura hoxe o proxecto expositivo “Territorios de fin”, un conxunto de series escultóricas da artista Ruth Lodeiro (Vigo, 1964). O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre de Santiago. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 28 de febreiro.
Con cerámica cosida mediante fíos, tules, arames e cordas, a artista reflexiona sobre o grupal e o individual mediante series críticas e autocríticas: o imperio da imaxe, en “Ollos”; ás acumulacións materiais na serie “Ósea”; á devastación da terra en “Xardín do Mal”; o mar como protagonista en “Auga- Mares”; e a denuncia feminina en “Orixe” e “Eva- Sherezade”. Nesta mostra exhibirá unha trintena de obras destas seis series escultóricas.
“Ollos” é unha serie na que Ruth Lodeiro traballa de continuo e que parece inesgotable polas súas posibilidades “plásticas, estéticas e comunicativas”, e tamén pola expresión dun mundo feminino, “a miúdo silenciado, ignorado ou pouco valorado”, que se manifesta nos tules, cosidos e anoados como tradición e reivindicación do universo íntimo das mulleres, con pezas que admiten variedade de posicións e articulacións. Nesta colección de pezas conflúe a dobre vertente da crítica e a autocrítica, o social e o íntimo na que os ollos estás veados, cosidos por arames, cordas e tules, posto que, segundo explica a artista “hai interese no dramatismo de non querer ver, de cegarnos ante determinadas realidades, a superficialidade da resposta individual e colectiva ao que está ocorrendo”.
A serie “Ósea” é sempre unha colección inacabada para Ruth Lodeiro, e nela traballa e profunda constantemente, con pequenas variacións temáticas noutras series paralelas. Como en case todos os seus traballos, a artista sinala que na serie “Ósea” tamén se poden atopar dúas vertentes fusionadas, a íntima e a social e contemporánea, que exemplifican a “conciencia do consumismo atroz, da avaricia desmesurada e do síndrome de Diógenes” e que permiten que se cuestionen os elevados valores materiais da actualidade.
Conectada coa anterior, a artista crea a serie “Xardín do Mal” na que se representa aos humanos como parte ínfima da natureza, que se senten deuses ou ditadores con seu aproveitamento, destrución e asolagamento. “Trátase dunha metáfora do xardín como representación de todos os hábitat e ecosistemas terrestres, da fermosura natural, a frescura da flor fronte ao bosque queimado, xardíns falsos e artificiais, xardíns cárceres ou xardíns do futuro” –sinala–.
Outra das series é “Auga- Mares” que ten ao mar como protagonista, como fonte de vida e de traballo, como odiseas marítimas e como itinerarios de diásporas. De entre as múltiples lecturas desta serie, Ruth Lodeiro destaca a ambivalencia da auga, como fonte de vida pero tamén de morte, como posibilidade de coñecemento, viaxe ou odisea, pero tamén como traxedia, cemiterio e desgracia. “A auga aparece vinculada a unha mirada feminina, como mulleres de emigración ou de emigrantes, como mulleres de mariñeiros ou viúvas, como Penélopes na espera enclaustradas nas súas illas, mulleres cheas de soños que viven as vidas doutros” –concreta–.
Como prolongación e experimentación de “Auga- Mares”, Ruth Lodeiro dá vida a “Orixe” que fala da muller, da súa unicidade persoal como ente individual, pero tamén como a muller portadora de vida, a grupal e social que leva enriba a historia escrita e os pesos das tradicións, dos roles, das relixións ou culturas.
Finalmente, esta mostra conta coa serie “Eva- Sherezade” onde a artista plasma o mundo persoal desde a colectividade e a pertenza a un determinado grupo. As pezas conflúen na parte formal, a rede de mulleres vertebradoras dunha historia silenciada e escrita por homes. A artista emprega a cor vermella a modo clásico, con significado de dor, de sangue, de morte pero tamén de vida. Son pezas de gran tamaño, susceptibles de cambiar de posición sen perder ningún significado. “O texto poético remite tanto á Eva mitocondrial como á bíblica, ás mulleres relatoras como Sherezade –personaxe e narradora principal da recompilación de contos en farsi titulada ‘Las mil y una noches’–, contadora da historia, a fabuladora, transmisora da palabra, tamén a matriarca, a prostituta ou a muller de carne desbotable.