O aparcadoiro de Triacastela proporcionará 39 prazas de estacionamento
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou o proxecto de acondicionamento dunha parcela da rúa de Triacastela para convertelo nun estacionamento en superficie.
O proxecto do aparcadoiro da rúa de Triacastela conta cun orzamento máximo de licitación de 295.306,34 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de catro meses. A intervención contempla a creación de 39 prazas de estacionamento, dispostas en dobre liña de aparcamento en batería. Con carácter complementario (en combinación do proxecto de reurbanización da rúa dos Concheiros) crearase un novo percorrido peonil que atravesará Concheiros e desembocará en Triacastela.
Lembrou o alcalde que xa se acometeu a expropiación dos terreos e que a obra se realizará en paralelo á prevista en Concheiros.
Muro do campo de fútbol das Cancelas
Continuando con obras, pero neste caso no ámbito dunha instalación deportiva, na Xunta de Goberno deuse conta das actuacións de emerxencia realizadas no campo de fútbol das Cancelas pola caída do peche perimetral. Así, valídanse os traballos iniciados o 23 de xaneiro, para estabilizar, reparar e substituír o peche e o muro perimetrais do campo. O orzamento das obras executadas, ascende inicialmente á cantidade de 32.596,98 euros, IVE incluído.
Prórroga do Servizo de Axuda no Fogar
Outro dos acordos do Goberno local foi a prórroga dos dous contratos coas empresas que veñen prestando o Servizo de Axuda no Fogar, Servisar Servicios Sociales, SL e Eulen Servicios Sociosanitarios, SA, adxudicatarias o 14 de febreiro do ano 2018. As prórrogas terán efecto dende o 14 de febreiro deste 2020 e ata que se adxudique o novo contrato e, en todo caso, por un período máximo de 10 meses e 16 días.