miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Darío Villanueva falará de Rodríguez Cadarso nos Luns do Ateneo

Darío Villanueva falará de Rodríguez Cadarso nos Luns do Ateneo
Darío Villanueva falará de Rodríguez Cadarso nos Luns do Ateneo

Este luns Darío Villanueva, Catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada e ex-Reitor da USC, impartirá unha conferencia sobre a figura de Rodríguez Cadarso, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1931 e 1933, ano do seu pasamento

O acto, que terá lugar como todos os luns ás 20.00h na Rúa do Vilar, 19, estará presentado polo tamén ex-Reitor Juan Casares, Catedrático de Enxeñaría Química da USC.

Villanueva achegaranos á figura de Alejandro Rodríguez Cadarso, médico e político de Noia, que exerceu como reitor da Universidade compostelá na Segunda República. Durante o seu mandato inauguráronse as residencias universitarias, das cales unha leva o seu nome. Foi ademais fundador do Instituto de Estudos Portugueses e Deputado das Cortes pola ORGA (Organización Republicana Galega Autónoma), caracterizándose polo seu apoio á autonomía galega. O seu temperán falecemento en accidente de tráfico truncou o seu ingreso na Real Academia Galega, para o que estaba preparando o discurso.

O conferenciante, Darío Villanueva, licenciado en filoloxía románica pola USC e doutor en filoloxía hispánica pola Universidade Autónoma de Madrid, foi Decano da Facultade de Filoloxía compostelá, Doutor Honoris Causa por doce universidades de numerosos países e Reitor da USC entre 1994 e 2002. Ademais, entre 2014 e 2018 foi director da Real Academia Española e é Presidente nato da Asociación de Academias da Lingua Española.

Comentarios
Lo más