Falece un condutor despois de bater co seu vehículo contra un muro na Guarda
Así, tras a chamada do persoal do 112 Galicia, acudiron ao lugar do accidente os membros do GES da localidade, que procederon a liberar ao ocupante do turismo
Un condutor perdeu a vida ao bater co seu vehículo contra un muro na Guarda.
Como consecuencia do impacto, a vítima quedou atrapada no interior do vehículo, polo que foi necesaria a intervención dos equipos de excarceración.
Así, tras a chamada do persoal do 112 Galicia, acudiron ao lugar do accidente os membros do GES da localidade, que procederon a liberar ao ocupante do turismo. Unha vez fóra do coche, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 proporcionáronlle os coidados necesarios, pero nada puideron facer por salvarlle a vida.
En concreto, o sinistro produciuse na Rúa José Antonio Lomba Camiña, na parroquia guardesa de Salcidos, preto das cinco desta tarde. Nese momento, activouse un operativo no que tamén se contou coa colaboración da Policía Local, Garda Civil de Tráfico e Bombeiros do Baixo Miño.