miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Luca Chao pide explicacións ao PP polo sobrecusto de 438 millóns de euros na construcción do AVE

Luca Chao pide explicacións ao PP polo sobrecusto de 438 millóns de euros na construcción do AVE
Luca Chao pide explicacións ao PP polo sobrecusto de 438 millóns de euros na construcción do AVE

A voceira do Grupo Común da Esquerda avaliou esta mañá os distintos incumprimentos da Xunta en materia de infraestruturas

Luca Chao afirmou na rolda de prensa desta mañá no Parlamento que ao Grupo Común da Esquerda "lle avergoñaba" o informe do Tribunal de Contas que se fixo público a pasada semana, xa que desvelaba que Adif paralizara as obras do AVE galego en 2016 e 2017 de xeito irregular e mesmo, nalgúns casos, contrario á Lei. Segundo este informe, tales decisións irregulares foron tomadas de forma incoherente por falta de planificación e de coordinación entre as Administracións, e provocaron sobrecustos nas obras e reclamacións dos contratistas por valor de 438 millóns de euros.

"Eses 438 millóns de euros son os que temos que pagar pola mala xestión que fixo o PP do AVE galego. Curiosamente, o Goberno galego non di nada, a pesar de que foi o PP, con Ana Pastor primeiro e Íñigo Gómez de la Senra despois como ministros de Fomento, o responsable dos retrasos e incumprimentos que provocaron estes sobrecustos", denunciou Luca Chao. "Eses son os bos xestores, os que dilapidan os recursos da cidadanía por falta de coordinación entre Administracións cando gobernaban tanto na Xunta coma no Estado. Pediremos explicacións sobre as responsabilidades do Partido Popular en toda a nefasta xestión do AVE que vén de sacar á luz o informe do Tribunal de Contas, e por suposto, insistimos en que é preciso cumprir cos prazos do AVE, mais nunca a costa das medidas de seguridade", engadiu.

A voceira do Grupo Común da Esquerda criticou que Feijóo "só se lembre de reclamar o que é noso cando non gobernan os seus" e que "non asuma os resultados das últimas eleccións estatais". "O único sobre o que fala o presidente da Xunta estes días é sobre os supostos incumprimentos do novo Goberno con Galicia. O que incumpriu con este país foi quen leva dez anos gobernándoo, que é el, e tamén os seus colegas que ata hai nada gobernaban tamén no Estado. Se tentar convencernos do contrario é o único que ten que ofrecer dentro do seu xogo electoralista, coido que lle irá mal nas vindeiras eleccións", aseverou.

No respectivo á propaganda electoralista, Chao tamén lembrou outras promesas incumpridas de Feijóo en materia de infraestruturas como a chegada do AVE a Lugo "se era preciso, pagado cos Orzamentos autonómicos" ou o anuncio que fixo cando era conselleiro de Infraestruturas no Goberno de Fraga de que a viaxe entre A Coruña e Ferrol se faría en AVE en 2010. "Segue sendo mentira, como foi mentira a conexión de alta velocidade entre Lugo e A Coruña, un traxecto que aínda a día de hoxe leva hora e media: tempos propios dun ferrocarril do século pasado dos que o PP é responsable", apuntou a deputada.

Outras demandas relacionadas coas infraestruturas ferroviarias que Luca Chao puxo enriba da mesa foron a urxencia do compromiso cos trens de proximidade, "imprescindibles para a mobilidade sostible", ou a situación do proxecto de intermodal de Ourense, que, tal como está denunciando a Plataforma cidadá por un Tren Digno, provocaría problemas de circulación, falta de comunicación entre os barrios e o illamento do Centro de Saúde da Ponte. "Estase a tempo de rectificar sobre este proxecto", salientou. "Outra cuestión pendente no respectivo ás infraestruturas que cómpre atender nesta lexislatura é a condonación da débeda do Porto da Coruña, como se vai facer en Valencia, e a financiación da conexión ferroviaria do Porto Exterior de Punta Langosteira, fundamental para a súa viabilidade", agregou.

Sobre a AP9, a voceira criticou que o Partido Popular "vaia mudando a súa postura en función de quen estea no Goberno" e lembrou que foi o PP con Aznar quen lle deu unha prórroga ata 2048 e que o PP de Feijóo votou en contra en numerosas ocasións de propostas do Grupo Común da Esquerda e doutros grupos da oposición encamiñadas a recuperar a infraestrutura para o público. "Velaremos polo cumprimento do acordo co PSOE para a transferencia da AP9, un paso necesario para termos unha AP9 pública e gratuíta, goberne quen goberne", asegurou Chao.

A voceira do Grupo Común da Esquerda tamén destinou uns minutos a denunciar o asasinato machista do pasado sábado na Pastoriza e enviar agarimo á familia e persoas achegadas á vítima. "Urxe que se poñan todos os recursos enriba da mesa para avanzar nunha sociedade igualitaria na que estas noticias non acontezan nunca máis. Por Manuela e por todas as que xa non están, hoxe o feminismo galego volverá saír ás rúas con concentracións en numerosos puntos do país que desde aquí alentamos e por suposto acompañaremos", dixo.

Noutra orde de cousas, parabenizou tamén o cine galego polos éxitos acadados nos Premios Goya a través dos premios a Mauro Harce e Benedicta Álvarez polo seu traballo en O que arde, de Óliver Laxe. "Unha vez máis é recoñecida a calidade do cine galego, parte esencial da nosa cultura que cómpre protexer, difundir e promocionar", celebrou. Engadiu, porén, que a política do PP en materia cultural "leva dez anos traballando na senda contraria", e puxo como exemplo "a supresión da figura de dirección do Centro Coreográfico Galego". "A única política cultural que entenden é a do macroespectáculo centralizado con sabor a Xacobeo, coma o Son do Camiño. Semella que o esquece, mais Román Rodíguez é o conselleiro de Cultura, non unicamente do Xacobeo, e se non quere asumilo debería deixar que outra persoa ocupe o seu cargo", apuntou.

Comentarios
Lo más