O Clínico de Santiago promove durante o día de hoxe a detección precoz da fibrilación auricular
En horario de 10:00 a 14:30 horas, o persoal de enfermería do servizo de cardioloxía impartirá actividades e talleres para ensinar, a todos aqueles que o desexen, a controlar e medir a súa frecuencia cardíaca
Hoxe venres 24 de xaneiro terá lugar no patio de entrada principal do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela unha xornada para promover a detección precoz da Fibrilación Auricular na poboación xeral.
En horario de 10:00 a 14:30 horas, o persoal de enfermería do servizo de cardioloxía impartirá actividades e talleres para ensinar, a todos aqueles que o desexen, a controlar e medir a súa frecuencia cardíaca, así como a coñecer o seu ritmo cardíaco co obxectivo de detectar a fibrilación auricular.
A fibrilación auricular (FA) é a arritmia máis frecuente que afecta a máis de 600.000 españois, calcúlase que ao redor do 4% da poboación mundial maior de 40 anos a padecerá no transcurso da súa vida.
É por iso que, para sensibilizar sobre a importancia desta patoloxía, informarase a todas as persoas que se acheguen ata o patio principal do hospital clínico sobre os factores que favorecen a súa aparición, os efectos que produce sobre o corazón, os síntomas, os tratamento ou outros problemas derivados.
Ademais, co fin de reducir o risco de enfermidades cardiovasculares, está previsto difundir na pantalla do patio principal vídeos de educación sanitaria para promover hábitos de vida cardiosaudables e concienciar á poboación da importancia de facer exercicio físico regular, deixar de fumar ou seguir unha dieta variada e equilibrada.
O mesmo venres pola tarde e o sábado 25 terá lugar a quinta edición de simposio Santiago Sen Fibrilación Auricular, que organizado polo servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Santiago vai dirixido a profesionais sanitarios.