Os populares de Ames denuncian que o Goberno Local incumpre coas súas obrigas respecto á xestión de residuos
Co pretexto de que Ames ten delegada a xestión dos seus residuos, o alcalde de Ames, José Miñones, "desenténdese de toda responsabilidade nas deficiencias dun servizo que supón un custo superior ao millón de euros anuais", aseguran os populares
Ames suspende na xestión dos residuos. Así o indica o informe de fiscalización sobre actuacións en materia medioambiental, durante os exercicios 2017-2018, que acaba de publicar o Consello de Contas de Galicia. Segundo indica o mesmo, Ames incumpre coas obrigas legais establecidas pola lei 22/2011, de 28 de xullo, de Residuos e Solos Contaminados, como son a obriga de elaborar un programa de xestión de residuos, e a elaboración e publicación do correspondente informe anual sobre a situación municipal da produción e xestión dos residuos.
Tampouco conta Ames cunha normativa propia e, en consecuencia, non se incoan expedientes sancionadores por infracción da ordenanza local en materia de xestión de residuos.
Co pretexto de que Ames ten delegada a xestión dos seus residuos, o alcalde de Ames, José Miñones, "desenténdese de toda responsabilidade nas deficiencias dun servizo que supón un custo superior ao millón de euros anuais (segundo resultado da Conta Xeral 2018) e, sen que, ata a data, fose tomada medida eficiente algunha en reclamación polas deficiencias do mesmo; porque, e un feito, as medidas de presión anunciadas por Miñones sempre quedan en papel mollado", aseguran os populares de Ames.
Un aspecto analizado é a realización de actuacións de difusión, de información e de sensibilización entre a veciñanza e o persoal do Concello para fomentar a prevención na xeración de residuos e incrementar a separación. "Neste aspecto, os socialistas non levaron a cabo ningunha actuación" afirman os de Argibay baseándose nos datos do Consello de Contas.
"A pesar de tanto incumprimento, en decembro de 2019 o alcalde anunciou que non tomará unha decisión ata o 2023, ano no que terán lugar as vindeiras eleccións locais. Con esta decisión a veciñanza de Ames continuará padecendo as deficiencias do servizo de recollida e tratamento de residuos; e isto a pesar de que, a día de hoxe, tal e como queda reflexado no informe do Consello de Contas, existen diferentes modelos de xestión de residuos e de recollida entre os que elixir; e de que Miñones ten enriba da mesa numerosos estudos sobre a cuestión para poder tomar unha decisión" din os populares na súa nota de prensa.
O Grupo Municipal Popular, insta a Miñones a tomar unha decisión, "sen recibir resposta algunha", rematan os de Argibay.