O Xulgado obriga á Xunta a pagar o IPC galego a unha funcionaria
A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo acolleu o recurso contencioso-administrativo interposto por unha funcionaria xudicial fronte á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por non recoñecer o dereito ao pagamento da contía correspondente ao IPC galego. En consecuencia, o xuíz declara, “como situación xurídica individualizada”, que a demandante ten dereito a percibir a contía correspondente ao IPC galego, así como ao pagamento das cantidades correspondentes aos cinco últimos anos computados con referencia á data da reclamación administrativa, máis os intereses legais correspondentes.
O xuíz indica que non procede efectuar expresa condena en custas debido “ás serias dúbidas de dereito que a nova cuestión controvertida expón, pois trátase do primeiro preito resolvido nesta comunidade autónoma sobre o particular”. A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo sinala na resolución que, aínda que é certo que cando se creou o denominado IPC galego, en 1992, aínda non se transferira o persoal da Administración de Xustiza desde o Estado á comunidade autónoma, esa circunstancia “non impide” que aos funcionarios lles sexa aplicable, xa que esa lei “non creou unha situación xurídica inherente exclusivamente a quen naquel preciso momento formase parte da Administración autonómica”.
A sentenza non interpreta que o IPC galego constitúa un novo complemento retributivo, “senón unha mera actualización de certos haberes conforme a un índice obxectivo, en aras a manter o poder adquisitivo”. O xuíz salienta que “se trata de corrixir unha situación de diferenciación do índice de prezos ao consumo, como compensación pola desviación que presenta en Galicia, cunha vixencia indefinida, e que afecta a todos os empregados públicos retribuídos pola Xunta”. “Se se contempla anualmente unha partida orzamentaria consignada e destinada a actualizar as retribucións deste persoal de acordo coas variacións do IPC, non se comprende que outra implementación ou utilidade poida ter máis que restañar esa perda de poder adquisitivo”, recalca o xuíz.