As bibliotecas de Ames organizan novas sesións de contacontos
“Unha merenda de contos” levarase a cabo en dúas sesións, unha o mércores 22 de xaneiro na Biblioteca do Milladoiro, e outra o xoves 23 na Biblioteca de Bertamiráns, ambos días ás 17:30 horas
As bibliotecas municipais acollen dúas novas sesións de contacontos esta semana. “Unha merenda de contos” levarase a cabo en dúas sesións, unha o mércores 22 de xaneiro na Biblioteca do Milladoiro, e outra o xoves 23 na Biblioteca de Bertamiráns, ambos días ás 17:30 horas. Está destinado a nenos de 3 a 8 anos e a entrada é de balde.
As sesións de contos abordarán ao longo deste curso diferentes temas, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal das nenas e nenos. Deste xeito, alén de fomentar o gusto pola lectura e o desenvolvemento da linguaxe, o que estas sesións procuran é promover a educación igualitaria e en valores, fortalecer o desenvolvemento cognitivo das crianzas e ofrecer ás familias unha actividade para gozar xuntas do seu tempo de lecer.
Cómpre engadir que xa está preparada a programación das bibliotecas municipais para os vindeiros meses. E aínda que se informará da programación completa nos próximos días, adiantar que en febreiro haberá dúas sesións (Milladoiro e Bertamiráns) de “Contos para rir” o mércores 5 o xoves 6, e outras dúas de “Nais, non hai dúas iguais”, con motivo do Día da Nai, o mércores 19 e o xoves 20. Todas serán ás 17:30 horas.