miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

A por todas!

A por todas!

O Goberno Local decidiu presentar un recurso contra a decisión da Audiencia Nacional por dar a razón aos Franco sobre a propiedade das figuras do Mestre Mateo

O acordo foi aprobado na sesión de onte da Xunta de Goberno local, en base ao informe da Asesoría Xurídica. Este recurso de casación e un extraordinario por infracción procesal serán presentados antes do 23 deste mes de xaneiro, data na que remata o prazo.

O alcalde de Santiago indicou tamén que os servizos xurídicos do Concello están valorando a posibilidade de presentar un recurso extraordinario de revisión á luz da información que está aparecendo e que segundo o rexedor probaría "sen ningún tipo de dúbida" que as esculturas foron adquiridas polo Concello, que permaneceron nel e que despois "aparecen no Pazo de Meirás" sen que exista ningún procedemento documentado para tal cambio.

Por este motivo, "non descartamos máis adiante presentar este recurso diante do Tribunal Supremo, para poder volver atrás o procedemento e presentar novas probas". Bugallo lembrou que o Concello tería un prazo de tres meses para poder presentalo e que, nese caso, habería que retirar o de casación.

UN PROCESO ABERTO POR MARTIÑO NORIEGA

En decembro a Audiencia Provincial de Madrid deu a razón, tal e como fixo o xulgado número 41 de Madrid en primeira instancia, aos herdeiros do ditador Francisco Franco sobre as estatuas obra do Mestre Mateo, Isaac e Abraham, que se atopan na súa posesión e que reclama o Concello de Santiago de Compostela.

A demanda do Concello de Santiago viuse apoiada, no seu día, coa localización no arquivo da Universidade de Santiago do expediente de adquisición das pezas, así como da propia escritura notarial, facendo constar todas as características das estatuas, da titularidade municipal.

Segundo estes documentos, tras a súa retirada da Catedral, as esculturas pasaron a mans do Conde de Ximonde no século XVIII, un nobre que as vendeu ao Concello de Santiago por 60.000 pesetas en 1948. No documento de venda existe unha reserva "para evitar que desaparezan do concello", cunha multa no caso de que así sexa, e se preserve a súa propiedade "pública, dos veciños de Santiago", sen posibilidade de venda ou cesión.

Comentarios
Lo más