Último día para desfrutar no Salón Teatro de ‘Memorias dun ser humano disperso’
O Salón Teatro de Santiago retomou a súa actividade pública tras a programación especial de Nadal con Producións Dispersas e o seu espectáculo Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0), do que é autor e intérprete Diego Freire
Esta peza cómico-musical vive a súa última función este domingo as 18 horas, na sede do Centro Dramático Galego. José Campanari dirixe este monólogo, que a compañía define como “cabaré absurdo, protagonizado por un personaxe fóra de lugar e un pouco esquizofrénico, que desexa escapar dun mundo que non comprende e no que non é comprendido a un lugar lonxe e diferente onde por fin poderá ser feliz”. A busca deste suposto paraíso é o eixo arredor do que xira esta proposta, na que Freire ofrece múltiples facianas como o showman do cabaré, o clown triste, o bufón, o perdedor, o tolo e o soñador.
Trátase dunha nova versión do espectáculo co que Producións Dispersas botou a andar en 2010, baseando o seu traballo en tres piares: humor, pequeno formato e crítica social, desde unha perspectiva contemporánea. En busca da canción perdida, Falándolle ao espello, O bosque dos prodixios ou a devandita Tódalas marabillas do mundo son outras das propostas que levou a escena durante estes 10 anos de traxectoria.
As entradas para a función de Memorias dun ser humano disperso (versión 7.0) están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 5 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.