A Xunta de Confrarías de Santiago presenta a programación da Semana Santa 2020
Tal e como fixeron o pasado 2019, a celebración desta presentación a comezos de ano, non ten outra finalidade que presentar á cidade o cartel e a programación antes de facelo na Feira Internacional de Turismo (FITUR)
Coa presenza de Borja Verea, secretario xeral técnico da Consellería de economía, emprego e industria e do Consiliario da Xunta de Confrarías, Don Elisardo Temperán, así como dos concelleiros e concelleiras do Concello de Santiago de Compostela, tiña lugar onte a presentación da Semana Santa de Santiago de Compostela no Instituto Europeo “Campus Stellae” situado na praza da Quintana, e que, dende hai seis meses cedeu de forma desinteresada un espazo no seu “coworking” que servise para albergar a sede da propia Xunta de Confrarías.
Tal e como fixeron o pasado 2019, a celebración desta presentación a comezos de ano, non ten outra finalidade que presentar á cidade o cartel e a programación antes de facelo na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebrará en Madrid a vindeira semana e á que acudirán por segundo ano para promocionar a Semana Santa compostelá da man de Turismo de Galicia.
Así, Muñiz quixo salientar o arduo traballo que realizaron as trece Confrarías ao longo do pasado ano despois de recibir a declaración de Interese Turístico de Galicia, levando a cabo importantes accións para pór en valor o patrimonio relixioso e artístico que custodian. Unhas accións que se materializaron en diversas reunións con diferentes institucións, entidades e asociacións para abrir a Semana Santa á cidade e, sobre todo, para buscar colaboración no crecemento desta festa de interese turístico autonómico que xa ten a mirada posta a obter a declaración a nivel nacional.
Con isto, ademais de conseguir un espazo como sede oficial, renovouse a colaboración de Compostela Monumental coa súa participación na impresión e distribución dos carteis de Semana Santa. Un feito, que ademais, este ano foi complementado co patrocinio por parte da asociación de comerciantes do casco histórico dunha aplicación móbil na que se recollerá todo o relativo ás Confrarías así como á programación deste 2020, que estará dispoñible para a súa descarga o vindeiro mes de febreiro. Pola súa banda, Muñiz indicou que con esta colaboración, ademais, a Xunta de Confrarías adoptou a decisión de pasar dos 30.000 programas que viñan editando a 20.000, reducindo así a impresión tanto por cuestións medioambientais como polo propio custe económico.
En canto aos programas, e na liña de difundir o patrimonio que a nosa Semana Santa agocha, este ano incorporarán a historia das diferentes procesións; os actos e liturxias das diferentes Confrarías e un pequeno mapa que serva para que visitantes e turistas poidan orientarse e seguir os desfiles. Uns programas que, logo de catro anos sacándoos á rúa por conta propia ou coa colaboración de Turismo de Galicia, tal e como sucedeu o pasado ano; volverán a ser editados polo Concello de Santiago.
Xa en canto ao cartel, que se deu a coñecer ao inicio da presentación coa praza da Quintana de fondo, José Ramón Muñiz indicaba que, “aínda que todas as Confrarías son importantes, se unha é destacable polo arraigo na cidade é a da Soidade, que ten a súa sede na Igrexa parroquial de Santa María Salomé”. Destacando que conta cun gran número de fieis que acompañan á Virxe da Soidade no seu percorrido o Venres Santo pola noite, centrándose tamén no rostro representado no propio cartel, que mostra a dor desta nai pola morte do seu fillo cuberta polo característico e excepcional manto de azibache.
No referente á Semana Santa, que este ano comezará o venres 3 de abril coa procesión das Dores e rematará o día 19 coa “Dominica in Albis”, dende a Xunta de Confrarías manifestaron que non habería variacións. “Continuamos a ter 17 desfiles procesionais, os horarios non sofren variacións e a única consideración a ter en conta é que tres das procesións volverán a atravesar a Catedral, tal e como viñan facendo ata o seu peche o pasado ano por mor das obras de restauración”.
Xa por último, dende a Xunta de Confrarías fixeron un chamamento á participación da cidade neste ben cultural e relixioso que ten as portas abertas a toda a sociedade compostelá, destacando os datos relevantes do pasado ano, que demostran que unha cidade de referencia relixiosa como Santiago ten amplas posibilidades de crecemento durante a propia de Semana Santa.