miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Solicitan que o Goberno proceda á mellora de distintas dotacións públicas na zona de Santa Marta

Solicitan que o Goberno proceda á mellora de distintas dotacións públicas na zona de Santa Marta
Solicitan que o Goberno proceda á mellora de distintas dotacións públicas na zona de Santa Marta

Nesta área faise necesaria unha actuación no referido a papeleiras, renovación e ampliación de colectores de lixo, pulido de bordes das beirarrúas e habilitación dun espazo público para a estancia e lecer da crecente poboación infantil que reside nesta zona da capital de Santiago

 Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno Ordinario deste mes un rogo no que se solicita a o Goberno de Sánchez Bugallo que proceda á  mellora das dotacións públicas da zona de Santa Marta, sobre todo, no referido a papeleiras, renovación e ampliación de colectores de lixo, pulido de bordes das beirarrúas e habilitación dun espazo público para a estancia e lecer da crecente poboación infantil que reside nesta zona da capital de Santiago.

Non é a primeira vez que estes asuntos se lle formulan ao Goberno local, mesmo a través de iniciativas plenarias, sen que ata o momento as xustas reivindicacións dos residentes obtiveran resultados, por todo isto, os Populares reiteran dita petición.

A zona de Santa Marta, xunto coa Chupana, ten rexistrado un crecemento urbanístico e poboacional co inicio do milenio, favorecido pola construción do Hospital Clínico Universitario en 1999, que conformou un singular polo de atracción. 

Arredor da Avenida da Liberdade, que actúa como o principal eixe de referencia, fóronse creando rúas e erguendo edificios nos que se instalaron negocios e, sobre todo, moitas familias, ata facer deste barrio un dos máximos expoñentes do crecemento e da renovación poboacional da cidade de Santiago.

Lamentablemente, o proceso urbanizador non foi capaz de darlle unha resposta  axeitada a ese crecemento e hoxe o barrio de Santa Marta padece unha notable deficiencia de equipamentos públicos, de áreas de lecer e de adaptación dos seus servizos ás necesidades dunha veciñanza que, de forma reiterada, veñen reclamando unha atención que poña fin ás súas carencias. 

A listaxe de demandas é longa, pero entre as que máis se repiten están as relativas á mellora de papeleiras, a renovación e ampliación dos colectores de lixo, o pulido dos bordes das beirarrúas, que seguen a ocasionar danos nas rodas dos vehículos e supoñen un potencial perigo para as persoas, e a habilitación dalgún espazo público a modo de parque para a estancia e o lecer da cada paso máis numerosa poboación infantil.

Comentarios
Lo más