Ana Gude Fernández toma posesión este venres como decana da Facultade de Dereito
O acto presidido polo reitor Antonio López terá lugar no propio centro e dará comezo ás 13.00 horas
A profesora da área de Dereito Constitucional Ana Mª Gude Fernández tomará posesión este venres 10 como decana da Facultade de Dereito. O acto presidido polo reitor Antonio López terá lugar no propio centro e dará comezo ás 13.00 horas. Os vicedecanos Vicente Sanjurjo e Natalia Pérez Rivas, así como a secretaria Sonia Rodríguez Boente, acompañarán a Gude na dirección da Facultade.
Con anterioridade a esta nova responsabilidade, a profesora Gude xa ocupara diversas tarefas de xestión como vicedecana de Organización Académica, así como secretaria e directora do Departamento de Dereito Público e Teoría do Estado, en etapas sucesivas. Ana Mª Gude imparte docencia das materias ‘Dereito constitucional. Órganos do estado democrático’ e ‘Dereitos constitucionais e liberdades públicas’. No ámbito da investigación forma parte do grupo de Dereito e cidadanía e as súa liña de traballo neste eido céntrase no Dereito parlamentario e nos dereitos fundamentais.