miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Extinguen un incendio nunha nave industrial de Vilamarín

Extinguen un incendio nunha nave industrial de Vilamarín
Extinguen un incendio nunha nave industrial de Vilamarín

Unha vez no punto e tras valorar a situación, tamén foi requirida a intervención do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias

Os servizos de emerxencia extinguiron na madrugada de hoxe un incendio que afectou a unha nave industrial situada no Polígono de Tamallancos, no concello ourensán de Vilamarín.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos membros dos equipos de extinción, arderon serraduras e algunhas chapas do tellado foron afectadas polas lapas sen, afortunadamente, causar ningún dano persoal.

Todo comezou a pasada noite, ás 21:00 horas, cando varios particulares contactaron co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias para informar que víase saír lume polo tellado dunha fábrica de serraduras próxima á N-525.

Tras ser alertados polos xestores do 112 Galicia, ata o punto desprazáronse varias dotacións de extinción. O operativo contou coa intervención dos Bombeiros de Carballiño, ademais do GES de Ribadavia, Protección Civil de Carballiño e de Vilamarín e Distrito forestal da zona.

Unha vez no punto e tras valorar a situación, tamén foi requirida a intervención do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias. Así, un camión gran nodriza do GALI apoiou, no subministro de auga, aos servizos de emerxencias alí desprazados. Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional tamén estiveron na zona colaborando na coordinación do operativo.

Ás 2:30 horas desta madrugada, os efectivos do Servizo de Extinción Prevención de Incendios e Salvamento confirmaron que o lume quedaba controlado e que os equipos de intervención quedaban no punto refrixerando a zona, dando por rematados os traballos de extinción preto das 05:00 horas.

Cumpre sinalar que os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 tamén foron informados por se nalgún momento fose necesaria a súa intervención. Igualmente, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros Ourense e ao GES de Pereiro de Aguiar.

Comentarios
Lo más