O Supremo anula a sentenza sobre o uso das vivendas turísticas en Galicia
Dá plena vixencia ao decreto galego que establece que o aluguer deste tipo de aloxamentos turísticos debe realizarse na súa totalidade e non por estancias
O Tribunal Supremo anulou a sentenza emitida o pasado mes de outubro na que invalidaba un dos aspectos da norma galega sobre o uso de vivendas para uso turístico, informou a Xunta nun comunicado.
O Executivo autonómico presentou en novembro un escrito de nulidade ao entender que se vulnerou o seu dereito á tutela xudicial efectiva, dado que a sentenza pretendía anular un artigo do decreto 12/2017 que xa estaba contido previamente na Lei 7/2011.
"Agora o Alto Tribunal atende as reclamacións formuladas desde Galicia e anula o fallo emitido", indica a Xunta, que indica ademais que o Supremo desestima as alegacións presentadas por parte da Avogacía do Estado.
"Esta decisión supón o respaldo ao defendido pola Xunta nas últimas semanas e dá plena vixencia á nosa normativa sobre o aluguer turístico", sinala o Goberno galego.
En base a isto, o Goberno galego indica que "tanto as vivendas turísticas como as vivendas de uso turístico deben sempre comercializarse pola totalidade da vivenda e non por estancias, como reclama a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia ( CNMC), que presentou distintos recursos fronte á normativa galega".
A Xunta subliña que a decisión do Tribunal Supremo "avala unha normativa razoable a través da cal se está regulando con eficacia un fenómeno global como o das vivendas de uso turístico".
Engade que "co fin de seguir mellorando a súa ordenación, o Executivo introduciu melloras na transparencia e publicidade destas vivendas á vez que intensificará o seu labor de inspección, garantindo a seguridade e un marco de convivencia e impedindo o intrusismo".