Os trasnos de Ames deixaron agasallos para máis de 200 nenos
Un total de 212 zoquiños e zoquiñas recibiron o seu agasallo de Nadal grazas á campaña “Zocos e Trasnos” do Concello de Ames
Un total de 212 zoquiños e zoquiñas recibiron o seu agasallo de Nadal grazas á campaña “Zocos e Trasnos” do Concello de Ames. En total, máis de 200 agasallos foron doados polos trasnos, que colaboraron coas súas maxestades reais para que ningún neno quedase sen regalo debaixo da árbore na mañá de Reis.
A campaña, que se desenvolveu por cuarto ano consecutivo, foi organizada pola Oficina de Voluntariado do Concello de Ames, dependente da Concellería de Benestar Social. O seu obxectivo era que ningún neno de Ames quedase sen agasallo nestas festas, gracias á colaboración dos trasnos. Estes últimos, foron persoas voluntarias que achegaron un agasallo de Reis a cadanseu zoquiño.
A Oficina de Voluntariado (OVA) foi a encargada de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, foron enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada un dos trasnos, a través dun código de identificación preservando o anonimato de todas as crianzas.
Posteriormente, cada trasno escolleu algo solicitado polo seu zoco/a na carta, non superando os trinta euros, envolveuno, púxolle o código de identificación, e o fixo chegar a un dos Puntos Trasno. Recadados todos os agasallos, foron entregados ás familias para que todos os zoquiños e zoquiñas puideran desfrutar do seu agasallo debaixo da árbore na pasada mañá de Reis.
Ademais este ano, a maiores do agasallo que os nenos e nenas solicitaron nas súas cartas, tamén recibiron un libro de lectura adaptado á súa idade. Moitos trasnos acercáronse ás Bibliotecas Municipais para mercar un libro a algún zoquiño.
Desta maneira, dar unha mención especial á toda a xente de a pé que colaborou poñendo o seu gran de area na campaña, tanto comprando un agasallo coma un libro. Asemade, agradecer a colaboración de cada un dos recunchos trasno que foron os encargados de recibir os máis de 200 agasallos. Tanto aos recunchos de Bertamiráms (Casa da Cultura, O Zapateiro, Clínica dental Rueiro, Academia Aberta, Mimate Bertamiráns, Patagonia Bertamiráns, Escola Infantil Merlín, Librería Lenda e Piscina Municipal A Telleira) como os do Milladoiro (Casa da Cultura, Biblioteca Municipal, Centro Arume, Patagonia Milladoiro e TNT Tattoo).
Cómpre engadir a solidariedade do persoal da empresa Tecalis, que doou nun 95% a súa cesta de Nadal/regalo de empresa, e que colaborou tanto economicamente coma fisicamente nesta campaña solidaria.