Ames recibiu aos Reis Magos cunha gran festa en Bertamiráns e Milladoiro
Un ano máis, os Reis Magos visitaron Ames antes de repartir os agasallos que cada nena e neno lle solicitaron na súa carta.
O Concello preparou unha gran festa para recibilos que se desenvolveu nos pavillóns municipais do Milladoiro e Bertamiráns.
No Milladoiro, os tres Reis Magos estiveron nas Oficinas Xerais ás 17.00 horas, para de seguido, desprazarse ata o pavillón desta localidade, pasando polas rúas Agro do Medio, rúa dos Cereixos e Travesía do Porto. En Bertamiráns, estiveron sobre ás 18.00 horas na Casa do Concello, para posteriormente ir ata o pavillón municipal, pasando polas avenidas da Maía e da Peregrina.
Unha vez nos pavillóns municipais participaron na Festa de Reis na que houbo espectáculos de pompas, aéreos e de luces led. Melchor, Gaspar e Baltasar tamén recibiron a todos os nenos e nenas que quixeron falar ou facerse unha foto con eles.