A Asociación Área Empresarial do Tambre recolle a dobre vertente pictórica e musical da pintora Celia Pía
A exposición mostrará tamén obras do escultor Javier Sanz e o fotógrafo José Morandeira
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugura hoxe a exposición de pintura “Anarquía na sala”, na que a artista Celia Pía mostrará unha selección das súas últimas obras, acompañada por outros dous artistas, o escultor Javier Sanz e o fotógrafo José A. Morandeira que exhibirán tamén unha selección dos seus últimos traballos. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 31 de xaneiro.
“Anarquía na sala” alude a un período vivencial que Celia Pía (Ortigueira, 1973) pecha con esta mostra, unha espiral marcada polas buscas e as perdas persoais, polo redescubrimento do mundo do teatro e o seu traxicómico paralelismo coa vida, pola natureza e pola viaxe ao país que sempre soñou coñecer, Senegal. Nesta ocasión exporá trece pinturas realizadas en acrílico sobre lenzo.
Segundo explica Celia Pía, a exposición nace en “Autorretrato con tecla e pincel”, onde presenta dúas partes dela mesma, a música e a pintura. Atopa o seu nó en “Anarquía na sala”, punto álxido das voltas daquela espiral e termina en “Animista”, co que retorna á natureza. “Abordo sempre a miña obra desde a circunstancia, como un diario do espazo e os contornos que habito” –sinala–.
Celia Pía é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona e adquiriu o Grao Superior de Piano no Conservatorio Superior de Música do Liceo da mesma cidade. “Non sei se a pintura é o canto ou a música a cor” –confesa–.
Nese esforzo constante por unir música e pintura, traballou e colaborou en escolas de teatro, en medios de comunicación e publicidade, empresas do mundo do espectáculo e das artes escénicas, destacando a máis recente colaboración coa Editorial Xerais na ilustración da portada de “Formigas nos pés” de Nazaret López. Actualmente exerce como repertorista e profesora de piano na Rede de Conservatorios de Galicia.
O comisario membro da xunta directiva da asociación e comisario da mostra, Manuel Nieto, destaca que Celia é unha pintora con moita forza e determinación, con obras potentes, moi expresivas e directas, nas que non se para en preciosismos nin detalles, senón que vai directamente ao que quere expresar, con moita cor e formas sinxelas, pero cun estilo recoñecible. Realizou máis dunha trintena exposicións colectivas e individuais na Coruña, Santiago, Salvaterra do Miño, O Grove, Ortigueira, Barcelona ou diferentes localidades portuguesas.
A madeira, material fetiche do escultor Javier Sanz
A exposición tamén contará coa participación do tallista, escultor e artesán da madeira Javier Sanz Peñalba (Barcelona, 1972), que presenta doce obras nas que reflicte a súa paixón polo mundo da madeira e o seu achegamento á escultura como medio de expresión que o leva a experimentar cos este e outros materiais. Manuel Nieto destaca do escultor que é un artista que se caracteriza pola suavidade, formas moi traballadas e delicadas.
Orixinario de Barcelona, Javier Sanz trasládase a Galicia en 1998, establecéndose pouco despois en Santiago de Compostela onde desenvolve a súa traxectoria artística. En canto á formación artística e técnica, estudou o ciclo superior de Escultura na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela e o ciclo Superior de Carpintería. Politécnico de Santiago. Ademais, conta coa Carta do Artesán de Talla de Madeira e ten o seu taller rexistrado por Artesanía de Galicia baixo a marca “ilexTalla”.
Da táboa de surf á cámara fotográfica
Pola súa parte, o fotógrafo José A. Morandeira presentará na mostra doce fotografías sobre cartón pluma, de 50x60 y 50x70 centímetros. O fotógrafo confesa que xa desde pequeno lle gustaban as cámaras, pero primeiramente centrou os seus esforzos no deporte, en concreto no surf, pero unha desafortunada lesión hai unha década impediulle practicalo durante uns tres anos polo que decidiu mergullarse no mundo da fotografía. “Sinto que mirar a través do obxectivo é a miña profesión” –asegura–.
Comezou como axudante de fotografía en cerimonias, ata que finalmente decidiu estudar fotografía para profesionalizarse. Ao rematar os estudos, concedéronlle unha bolsa para realizar unhas prácticas en Italia nun estudio de fotografía de danza desde o que accedeu a teatros como o Politeama Greco de Lecce ou o anfiteatro romano. Traballou man a man cos mellores fotógrafos de danza do sur do país, o que lle permitiu profundar no estudo do movemento, a súa captación e a luz. Tras un par de anos entre España e Italia, recorreu Europa, viaxou por Asia ou Marrocos o que lle permitiu captar instantes en lugares onde o tempo se mide de diferente maneira, tomando series de fotografías que van desde o fondo á forma, desde a mirada ao contorno, desde a quietude ao movemento. Actualmente, prepara unha nova viaxe a Oporto.