Eliminado un punto de vertido e aguas residuais ao rego de Rodullo, en Calo
Os vertidos neste punto tiñan lugar como consecuencia do deficiente trazado da rede de saneamento
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través do Plan de Control de Vertidos desenvolvido dende Augas de Galicia, vén de ratificar a emenda dun punto de vertido de augas residuais ao rego de Rodullo, en Calo, no Concello de Teo.
As emisións a través do citado punto para a evacuación de augas pluviais foron identificados a raíz dunha alerta por vertidos ao dominio público comunicada por parte do SEPRONA.
Os vertidos neste punto tiñan lugar como consecuencia do deficiente trazado da rede de saneamento. Así, a escasa diferenza de conta no punto de cruce da rede de saneamento co curso fluvial propiciaba que se sucederan frecuentemente atrancos orixinándose vertidos de augas residuais a través da rede de pluviais próxima.
A Xunta deulle conta da situación ao Concello de Teo e solicitoulle acometer as medidas necesarias para o cese dos vertidos.
Neste sentido, nunha inspección recente comprobouse que se executou unha pequena impulsión para solventar os problemas de pendente existentes. Tamén se levou a cabo un novo control analítico da rede de pluviais a través do que se confirmou a ausencia de emisións contaminantes.