Últimos días para desfrutar das Festas de Nadal en Ames
Este fin de semana rematan as actividades da programación de Nadal do Concello de Ames
Este fin de semana rematan as actividades da programación de Nadal do Concello de Ames. En canto as actividades programadas para hoxe, sábado, haberá dous obradoiros sobre rodas para os máis pequenos. En Bertamiráns, terá lugar na praza de Chavián un circuíto de coches a pedais, en horario de 12.00 ás 14.00 horas e das 17.30 ás 19.30 horas. Mentres que no Milladoiro, haberá no mesmo horario un kárting de bicicletas na praza de Manuel Murguía.
Carpa multimedia na praza de Manuel Murguía
Asemade, pola tarde haberá dous obradoiros de ciencia para nenas e nenos na carpa de praza de Chavián e unha carpa multimedia na praza de Manuel Murguía no Milladoiro. Chegadas ás 19.30 horas, celebrarase un Encontro de agrupacións de música e baile tradicional na Casa da Cultura do Milladoiro, con entrada de balde ata completar aforo.
Para rematar coa programación, o domingo 5 os Reis Magos visitarán Ames, cunha recepción real na que haberá varios espectáculos e chocolate con rosca para todos os asistentes.