Condenan a 30 anos ao asasino de Ana Enjamio
O sospeitoso matou a moza de 25 anos a coiteladas “polo seu sentimento de machismo e de dominación sobre ela, muller que, se non ía estar con el, non había estar con ningún outro”
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, condenou, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a 30 anos e catro meses de cárcere o autor do asasinato dunha moza de 25 anos coa que mantivera unha relación sentimental. Os feitos sucederon durante a madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016 no portal da vivenda de Vigo na que residía a vítima, quen coincidira esa noite co acusado na cea de Nadal da empresa do Porriño na que ambos traballaban. O Tribunal do Xurado considerou acreditado que o sospeitoso acabou coa vida da súa exmoza a coiteladas “polo seu sentimento de machismo e de dominación sobre ela, muller que, se non ía estar con el, non estaría con ningún outro”.
O imputado foi sentenciado como autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento, concorrendo as agravantes de xénero e de parentesco, á pena de 25 anos de prisión; como autor dun delito de acoso, concorrendo a agravante de parentesco, á pena de 20 meses de cárcere; e como autor dun delito de vulneración da intimidade, coa agravante de parentesco, a tres anos e oito meses de prisión.
Ademais, a Audiencia impúxolle a prohibición de comunicarse e achegarse a menos de 500 metros dos pais e do irmán da vítima durante un período superior de 10 anos á pena de prisión imposta. Na sentenza tamén acorda, para o caso de que se interpoña recurso, prorrogar a prisión preventiva do acusado ata a metade da pena imposta polo delito máis grave obxecto de condena, é dicir, 12 anos e 6 meses de prisión, contados desde o día 21 de decembro de 2016.
O acusado, ademais, deberá aboar as custas procesuais causadas, incluídas as das acusacións particular e popular, e indemnizar a cada un dos proxenitores da vítima con 87.900 e ao seu irmán con 25.400 euros. A presente resolución non é firme, pois contra ela cabe interpoñer recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O maxistrado presidente do Tribunal do Xurado lembra a compatibilidade da aplicación da agravante por razón de xénero e a de parentesco. "A de xénero debe aplicarse en todos aqueles casos en que quedase acreditado que o autor cometeu os feitos contra a vítima muller polo mero feito de selo e con intención de deixar patente o seu sentimento de superioridade fronte a ela. Pola contra, a circunstancia mixta de parentesco responde a parámetros obxectivables relacionados directa ou indirectamente coa convivencia”, subliña.
O maxistrado indica que, tal e como asegurou o Xurado, o acusado “executou a morte da vítima, á que cousificara, por así dicilo, á que consideraba súa e de ninguén máis”. Para a aplicación da agravante de xénero considera significativas as manifestacións do condenado á súa exmoza, á que advertía de que se non ía estar con el, tampouco había estar con outro mozo. “Diso debe inferirse o empoderamento co que se sentía o acusado sobre a súa vítima”, recalca o xuíz.
O Tribunal do Xurado considerou probado que o condenado atacou a súa excompañeira sentimental dentro do portal cun coitelo e que actuou “dunha maneira particularmente perversa, ao se comportar dunha forma aleivosa e coa intención de lle causar un particular e innecesario dano”.
“Non só concorren móbil e ocasión para matar a súa exmoza, senón unha pluralidade de indicios e datos que o vén a situar como o autor material da morte daquela”, insiste o maxistrado presidente, quen lembra na resolución a “situación de indefensión na que se atopaba a vítima fronte ao seu agresor”. Así, fai referencia á súa superioridade física, á confianza da vítima, “que non esperaba tal reacción”, a que fixo uso dunha arma e a que a moza “carecía de posibilidades de se defender”.
“Seguindo a convicción do Tribunal do Xurado concorre ese especial temperamento do acusado de deleitarse no sufrimento da vítima que ía matar”, sinala o xuíz, quen destaca que o cadáver presentaba lesións esvarantes sobre a pel, no tórax, que se cualifican como “lesións de ameaza ou tenteo”. Esta forma de actuar, segundo consta na resolución, reflicte que o condenado, ademais de perseguir acabar coa vida da rapaza, quería “causarlle, dunha forma deliberada, unha dor que ía máis aló da que acompaña unha morte violenta, implicando unha especie de tortura, comportamento máis que impropio dun ser humano, e iso como consecuencia da negativa da vítima a manter unha relación co acusado”.
En canto ao delito de acoso, o Tribunal do Xurado sinala que, por mor da ruptura, en xullo de 2016, o sospeitoso “despregou toda unha conduta de fustrigación cara á moza” para tentar conseguir que renovase a relación con el.