miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

Unha doente denuncia unha espera de nove meses en Xinecoloxía pese ao alto risco oncoxénico

Unha doente denuncia unha espera de nove meses en Xinecoloxía pese ao alto risco oncoxénico
Unha doente denuncia unha espera de nove meses en Xinecoloxía pese ao alto risco oncoxénico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS dan a coñecer a denuncian dunha doente no Hospital Clínico de Santiago

Segundo a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, a xerencia e o servizo de admisión do Hospital Clínico "seguen antepoñendo criterios de xestión fronte ás recomendacións clínicas fixadas polos facultativos e as necesidades de atención dos pacientes". Nesta ocasión a paciente S.B.F conta a súa testemuña:

“O 23 de Xullo de 2018 realicei no meu centro de saúde unha citoloxía solicitada por presentar síntomas de cambios no fluxo vaxinal e proído. O 4 de setembro do mesmo ano comunicáronme os resultados da citoloxía, onde se advirte unha lesión intraepitelial de baixo grao (LSIL) con positividade para o VPH tipo 51 (alto risco oncoxénico) e tipos 61 e 81 (baixo risco oncoxénico).

Ante estes resultados, comunícanme a gravidade do asunto e derívanme a Xinecoloxía no CHUS, onde unha xinecóloga me explica o procedemento que se debe seguir a partir de entón, que consiste na necesidade de realizar citoloxías de control cada 6 meses para vixiar a lesión, que tanto pode curar espontaneamente como derivar nunha neoplasia de colo de útero, para o cal sería necesario tratamento cirúrxico canto antes para evitar que a lesión medre e invada máis tecidos.

O pasado 8 de novembro deste ano acudín á consulta en xinecoloxía para realizar a segunda citoloxía de control dende a diagnose de LSIL, xa que na anterior revisión a lesión permanecía estable (sen regresar nin avanzar). A xinecóloga tomoume as mostras necesarias e díxome que en caso de que nos resultados (tardan sobre 1 mes) se advertise que a lesión avanzara mo comunicarían a través dunha chamada telefónica.

Ademais, entregoume unha petición firmada por ela para que solicitase cita para unha nova revisión en 6 meses a contar dende a data da consulta. No mostrador de citas explicáronme que o calendario de xinecoloxía se atopaba cheo ata 2021 e déronme cita para o 27 de xaneiro de 2021, en 15 meses, 9 despois do que estipulara a doutora.”

O relato de S.B.F. produce "unha grande alarma" para a Asociación de Pacientes porque "non só temos que pelexar contra a nosa enfermidade, senón que ademais temos que utilizar tempo e esforzo para facer valer dereitos que nos recoñece o ordenamento xurídico e que son vulnerados por aqueles que están obrigados a cumprilos, sabendo que iso pode xerar danos irreparables na nosa saúde".

A normativa en materia de listas de espera para consultas externas establece, como é o caso, que a cita se fixa de acordo coa indicación do médico prescritor. Esta regra, por aplicación do previsto na Carta Europea dos Dereitos do Paciente, que recoñece que toda persoa ten dereito a recibir o tratamento necesario nun período de tempo predeterminado e rápido, debe aplicarse en todas as fases do tratamento e, polo tanto, tamén nas consultas de control. "A xerencia do CHUS, ao fixar a cita con 9 meses de demora sobre a pautada pola facultativa, está vulnerando o dereito fundamental de S.B.F. á asistencia nos tempos requiridos", aseguran dende a Asociación de Pacientes.

Esta demora de 9 meses sobre o prazo fixado pola especialista pode ter consecuencias dramáticas porque o control pretende previr un cadro de neoplasia no que a rápida intervención é un factor esencial na expectativa de curación e de supervivencia da paciente. Os principios deontolóxicos da organización médica colexial, obriga aos profesionais a supeditar a súa conduta aos criterios clínicos e aplicar os medios necesarios para que se cumpra a legalidade, debendo velar para que as prestacións se adapten ás auténticas necesidades asistenciais da poboación. A este principio xeral están igualmente vinculados os médicos que desempeñan responsabilidades políticas e de xestión no CHUS e no SERGAS.

"Por iso, cada vez que se vulnera o dereito dun paciente a ser atendido nos tempos fixados polo facultativo, non só se atenta contra un dereito individual, senón que tamén se incumpren os principios éticos da práctica médica", din dende a Asociación.

Comentarios
Lo más