A Asociación Área Empresarial do Tambre asina un convenio coa Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea
Impulsaranse accións de sensibilización sobre a doazón de medula ósea, encamiñadas a mellorar a responsabilidade social empresarial dos asociados
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) asinou o luns un convenio de colaboración coa Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame). O acordo foi asinado polo presidente da asociación empresarial, José Fernández Alborés, e o presidente de Asotrame, Mario Álvarez Rodríguez, nun acto celebrado no Centro Empresarial do Tambre.
O convenio ten como obxecto informar aos asociados do Tambre sobre os servizos ofrecidos por Asotrame, ademais de divulgar e realizar tarefas de sensibilización sobre a doazón de medula ósea.
O acordo, dun ano de vixencia, servirá para impulsar e promocionar actuacións encamiñadas a mellorar a responsabilidade social empresarial. Colaborarán na organización de xornadas, talleres ou outras accións formativas e informativas que establezan mutuamente, promovendo a participación dos asociados nas actividades.
José Fernández Alborés destacou a relevancia desta colaboración e manifestou que a asociación está profundamente implicada no desenvolvemento de actividades que redunden na prevención do cancro e a protección da saúde. Tamén fixo un chamamento a todas as empresas da Área Empresarial do Tambre para involucrarse nesta causa a través da activación de prácticas de responsabilidade social nas súas compañías.
O presidente de Asotrame destacou que as empresas deben coidar ao máximo a imaxe da súa identidade corporativa e o exercicio da súa responsabilidade social. “O concepto de empresa mudou, hoxe trátase dunha organización que, ademais de producir beneficios, é un axente social do seu contorno que xera riqueza e benestar social” –indicou–.
Asotrame é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 2013 por un grupo de persoas que pasaron por un cancro hematolóxico en primeira persoa ou a través de familiares, e composta de socios usuarios, socios solidarios e socios corporativos (entidades públicas e privadas que colaboran cos proxectos e actividades desenvoltas mediante diversas fórmulas). O seu obxecto fundamental é mellorar a calidade de vida das persoas transplantadas de medula ósea, de aquelas que se atopan inmersas no proceso dun cancro hematolóxico, dos seus familiares, e do conxunto da sociedade. Tamén persegue proporcionar información, asesoramento e soporte emocional a pacientes con cancro hematolóxico e aos seus familiares e colaborar en proxectos de investigación contra o cancro.
Declarada de utilidade pública en 2018 e de ámbito autonómico, actualmente Asotrame aporta vías e solucións especializadas en apoiar ás persoas que sofren un cancro hematolóxico e aos seus familiares, grazas ao traballo diario do equipo técnico (psicolóxico e social), das persoas con cancro hematolóxico, das familias, do voluntariado e da masa social solidaria e corporativa.