miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

'Sentidiño' elexida a Palabra do Ano 2019 por votación popular

'Sentidiño' elexida a Palabra do Ano 2019 por votación popular
'Sentidiño' elexida a Palabra do Ano 2019 por votación popular

O termo que se impuxo aos outros cinco finalistas é moito máis ca un diminutivo e constitúe un xeito propio da lingua galega de designar o sentido común

Sentidiño é a Palabra do Ano 2019. Así o determinou a elección virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié. O termo máis votado polas persoas que participaron na escolla constitúe unha forma de noso de denominar o sentido común, un antídoto eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitan reflectirse nesta iniciativa que conecta a lingua coa actualidade. Feminicidio foi a segunda palabra máis votada nun ano no que as rúas volveron a encherse de voces contra a violencia de xénero e narcosubmarino, apenas semanas despois de irromper na linguaxe cotiá de Galicia, acadou o terceiro posto. Seguíronlles, por esta orde, quecemento global, ecocidio e negociación, os outros termos que foran finalistas tras unha recollida de propostas entre o público, que deixou un regueiro de suxestións nas que a reivindicación da igualdade de xénero e da xestión sostible dos recursos naturais compartiu protagonismo coa actualidade política local e global.

En total sentidiño acaparou o 51 % dos votos emitidos, feminicidio conseguiu preto do 20 % e narcosubmarino rozou o 15 %. Quecemento global sumou o 8 %, ecocidio acadou o 5 % e negociación foi a menos elixida con apenas o 1% dos votos.

A palabra gañadora deriva de sentido, que se orixina á súa vez da substantivación do participio pasado do verbo sentir, procedente do equivalente latino sentire ‘percibir polos sentidos’. De todas as acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega da palabra sentido, refírese á cuarta, a “capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta”. O aspecto máis interesante do termo é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de máis pequeno senón o de ‘calidade de sensato’, expresando con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala. De feito, o noso sentidiño pode considerarse un sinónimo do sentido común, que o Dicionario define como 'bo xuízo' ou 'calidade ou capacidade de xulgar e actuar cabalmente'.

Outra palabra da nosa lingua para se referir ao mesmo concepto que designa sentidiño é siso, 'bo entendemento para falar ou actuar', e tamén atopamos vocábulos similares noutros idiomas próximos. O sentidiño aseméllase moito, de feito, ao seny do catalán, cuxa primeira acepción denomina a 'ponderación mental'. Bebe tamén do latín sentire, raíz compartida igualmente con outras solucións de idiomas da mesma familia nos que o adxectivo bo funciona como o o fai o sufixo -iño na Palabra do Ano 2019. É o caso do buonsenso italiano, o bon sens francés ou o bom senso portugués.

Na banda dos antónimos o galego conta con termos con arrouto ou arroutada, definido nunha das acepcións que lle asigna o Dicionario como aquel ‘feito pouco atinado ou pouco razoable’.

Comentarios
Lo más