O programa 'Vive o Camiño' remata esta fin de semana
O programa Vive o Camiño, posto en marcha pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e pór en valor o patrimonio xacobeo da Vía da Prata, remata esta fin de semana en Amoeiro, Boqueixón e Silleda despois de programar un cento de actividades en 35 concellos galegos
Trátase dun proxecto que se desenvolveu ao longo deste outono e que conta con rutas a pé, actividades gastronómicas e obradoiros para nenos e adultos de balde.
No caso de Amoeiro, as actividades terán lugar o venres e arrancarán ás 11,00 horas cunha andaina con saída desde a Casa de Trasalba. Pola tarde a actividade complétase cun obradoiro para adultos, ás 16,00 horas, e un taller infantil, ás 17,00 horas. O evento Catar o Camiño será ás 17,00 horas, momento no que os participantes poderán degustar produtos locais cociñados e empratados polo cociñeiro Gerson Iglesias. Todas estas actividades terán lugar na Casa da Cultura.
O sábado o ciclo chegará a Boqueixón onde, ás 9,30 horas, partirá unha camiñada desde o aparcamento do Pico Sacro que permitirá aos participantes afondar na historia deste espazo. Seguidamente, no Centro Social de Lestedo, haberá obradoiros de adultos e infantís ás 11,30 e 12,30 horas, respectivamente. Como peche do programa celebrarase, ás 12,30 horas no baixo do Centro Social, a actividade Catar o Camiño.
A última desta actividade será o domingo en Silleda. Ás 11,00 horas, sairá desde a praza da Igrexa unha andaina. Xa pola tarde, a Casa da Cultura acollerá dous obradoiros: Memorias de Prata e Xogando coa natureza. O primeiro, pensado para o público adulto, terá lugar ás 17,00 horas, mentres que o obradoiro infantil será ás 18,00. Tamén se celebrará nesta localización a actividade Catar o Camiño que terá lugar ás 18,00 horas no auditorio.
Un cento de actividades este outono
En total a Xunta programou un centro de actividades durante este outono nos 35 concellos polos que transcorre a Vía da Prata nas que os peregrinos poden interactuar cos veciños das cidades e vilas polas que pasa a Vía da Prata, unha ruta con destacados recursos naturais e patrimoniais e que conta cun importante potencial de crecemento.
Con este obxectivo deseñáronse tres tipos de actividades: rutas a pé nas que descubrir os segredos deste trazado, iniciativas gastronómicas nas que veciños e peregrinos poden degustar produtos enogastronómicos da comarca, e obradoiros para nenos e adultos nos que transmitir os valores xacobeos e poñer en valor o patrimonio material e inmaterial vinculado co Camiño de Santiago.
Os interesados en participar en calquera destas actividades, gratuítas pero con necesidade de inscrición previa, poderán reservar praza chamando ao número de teléfono 722876073.