miércoles. 25.11.2026 |
El tiempo

O Pino aproba uns orzamentos de 4 millóns para 2020

O Pino aproba uns orzamentos de 4 millóns para 2020
O Pino aproba uns orzamentos de 4 millóns para 2020

O Concello de O Pino contará para o vindeiro ano cun orzamento superior aos catro millóns de euros, segundo o acordo plenario

Na sesión tamén se aprobaron as obras que se van solicitar no Plan único da Deputación da Coruña que ascenden a 900.000 euros; a rebaixa do recibo da contribución para as explotacións gandeiras vinculadas ao sector primario e sacar a licitación o Servizo de Axuda no Fogar.

O Concello contará o próximo ano cun orzamento de 4,082 millóns de euros, lixeiramente inferior ao deste exercicio, no que O Pino xestionou o obradoiro de emprego con Arzúa. Os ingresos proceden, na súa meirande parte, das transferencias correntes procedentes doutras administracións, representando o 40% (1,681 millóns de euros). Polo que respecta ao capítulo de gastos, 2,16 millóns corresponden  a bens correntes e servizos (os servizos que presta o Concello á veciñanza), 815.000 euros destínanse a investimentos reais e menos dun 20% (705.000 euros) a gastos de persoal. O alcalde destacou que non hai gastos financeiros (200 euros), xa que o Concello non ten solicitado créditos.

As contas foron aprobadas polo grupo de goberno do Partido Popular (6 votos) e a abstención do BNG (2). Ningún dos tres concelleiros do Partido Socialista estivo presente na sesión, segundo o alcalde “porque o seu portavoz antepón os intereses do Parlamento de Galicia, que tamén celebra hoxe pleno, aos intereses dos veciños do Pino que foron quen os elixiron”.

Rebaixa do IBI para explotacións gandeiras

Na sesión tamén ase aprobou unha rebaixa do 95% da cota íntegra da contribución para as construcións do rural nas que se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias, gandeiras ou forestais pertencentes ao sector primario.

O recibo do lixo baixará case un 5% con respecto ao que se paga este ano, ao repercutirlle á veciñanza a rebaixa do canon de Sogama. Ademais desta rebaixa, ao recibo aplicaráselle só a suba do IPC, como vén reclamando a empresa, segundo explicou o alcalde.

O pleno tamén acordou iniciar o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar.

Os festivos locais para 2020 quedaron fixados no día 29 de xuño, festividade de San Pedro, e o 7 de xullo, festividade da Madalena.

Plan único da Deputación

Na última sesión do ano, o pleno do Pino tamén aprobou as obras que se van incluír no Plan único de Concellos da Deputación da Coruña por un importe global que supera os 900.000 euros, dos cales 512.000 corresponden ao POS+ e outros 391.000 ao plan complementario.

Co POS+ o Concello do Pino vai acometer o acondicionamento da estrada local de Couto Pequeno a Cima de Vila, en Medín (62.208 euros) e a renovación do alumeado público nas avenidas de Santiago e de Lugo, en Arca, por 193.302 euros. Outros 257.051 euros vanse destinar a gastos correntes.

No plan complementario incluíronse a estrada local de Marquiño á escola de Lardeiros (104.974 euros), a rúa Codesal e prolongación ata o límite do concello (71.557); a estrada local de Pumar ao aparcamento da igrexa de Gonzar (32.634) e a que vai dende a ponte sobre o río Mera ata a N-634 (75.683 euros).

No plan complementario, o Concello do Pino inclúe tamén outros 106.271 euros para a mellora da estrada local que serve de saída 77 á autovía A-54 cara Cerceda e Touro, que o Ministerio de Fomento rexeitou acondicionar. Esta obra será adicional a que xa adxudicou o Concello, por algo máis de 30.000 euros, para sanear e acondicionar os laterais da actual estrada. Coa obra do plan complementario, prevese que o vindeiro ano se poida botar unha capa de aglomerado sobre esta estrada local.

O pasado 27 de setembro, segundo consta no rexistro de saída, o Concello solicitáralle ao enxeñeiro xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel González del Río, que Fomento arranxara esta vía local, ao considerar que esta estrada estragouse debido ao paso de camións durante as obras da execución da autovía. Xunto a solicitude remitíuselle o proxecto de execución da obra. Fomento respostou que esa vía é de titularidade municipal e negouse a arranxala, polo que o Concello está a estudar presentar unha demanda patrimonial para que o Ministerio asuma o custo desta obra.

Comentarios
Lo más